O Museo de Pontevedra recupera dúas estatuas proféticas que non se exhibían dende 2014
O Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra incorpora de novo á súa exposición permanente dúas estatuas de profetas que, malia formar parte da colección desde 1956, permanecían fóra de exhibición desde o ano 2014. Trátase de dúas pezas procedentes do antigo pórtico occidental que pechaba o Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago, elemento derrubado no século XVIII coa construción da fachada do Obradoiro.
A restitución destas figuras permite reforzar a continuidade do relato da colección, que agora ofrece un percorrido polo arte galego desde a antigüidade ata o século XXI. A súa identidade exacta non está documentada, pero os estudos existentes apuntan como hipótese máis estendida que representen a Enoc e Elías, dous profetas do Antigo Testamento.
As esculturas xa foran exhibidas con anterioridade no Edificio García Flores e posteriormente no propio Sarmiento, onde regresan agora colocadas a unha altura que reproduce de maneira aproximada a posición que ocuparían no conxunto arquitectónico orixinal compostelán.
Estas pezas foran adquiridas no seu día aos condes de Gimonde e integradas na colección pública en 1956. Desde entón, o Museo cedeunas en diferentes ocasións para exposicións temporais, entre elas ao Museo do Prado e á mostra ‘Idades do Home’, celebrada en Santiago de Compostela.
As dúas esculturas pertencen á mesma colección das outras figuras recentemente recuperadas polo Concello de Santiago de Compostela, que durante décadas permaneceron en mans da familia Franco. Esas pezas serán expostas no Museo do Pobo Galego, dentro da política municipal de restitución de patrimonio histórico.
Ademais desta incorporación, o Museo continúa avanzando noutras frontes. O responsable provincial, Rafa Domínguez, confirmou que xa se están mantendo reunións con responsables de Patrimonio co obxectivo de impulsar as escavacións no convento de Santa Clara. O proceso atópase en fase de xestións preliminares para activar a intervención arqueolóxica.
Paralelamente, tamén se está traballando no proxecto do almacén robotizado previsto no polígono de Barro-Meis. Segundo explicou Domínguez, están a avaliárense diferentes características técnicas necesarias para definir o equipamento e o seu funcionamento futuro.

