Patrimoniogalego.net lanza a súa app móbil con acceso gratuíto a máis de 600.000 bens culturais
O directorio colaborativo patrimoniogalego.net, considerado o maior catálogo social de bens culturais do país, incorpora desde hoxe unha nova ferramenta pensada para facilitar o acceso á súa información: unha aplicación para teléfonos móbiles, de uso gratuíto e accesible directamente desde o propio portal. O desenvolvemento abre unha vía para explorar, en mobilidade, a enorme densidade patrimonial das paisaxes galegas a través dunha interface adaptada aos dispositivos móbiles.
A nova ferramenta dá acceso a máis de 600.000 elementos materiais e inmateriais, combinando os 14.000 bens rexistrados pola comunidade de catalogadores da plataforma con información complementaria procedente de tres fontes públicas. Así, as fichas de patrimoniogalego.net intégranse co Inventario do Patrimonio Cultural da Xunta, que achega máis de 75.000 referencias, e coa base de microtoponimia do proxecto Galicia Nomeada, con máis de 520.000 topónimos recollidos pola Real Academia Galega e pola propia administración autonómica. A URL de acceso á aplicación é http://www.patrimoniogalego.net/app.
Concibida como progressive web app (PWA), a plataforma funciona tamén en ordenador, mais foi deseñada para móbiles. A experiencia toma como referencia o traballo de campo dos catalogadores e permite filtrar bens por tipoloxías, coñecer elementos próximos á localización do usuario, consultar capas LiDAR de relevo para interpretar xacementos arqueolóxicos e descubrir a microtoponimia asociada a cada lugar.
Un dos apartados máis singulares é o modo de realidade aumentada, que ofrece dúas opcións: a vista ‘preto’, que sinala elementos culturais situados na contorna inmediata, e a vista ‘lonxe’, pensada para identificar bens que se atopan ata a vinte quilómetros de distancia, útil en miradoiros e puntos elevados. Este recurso procura facilitar a lectura das múltiples capas culturais presentes no territorio.
A aplicación incorpora tamén tecnoloxías de intelixencia artificial, destinadas a complementar a información xa existente nas fichas. Segundo explican desde o proxecto, esta funcionalidade permite ofrecer análises adicionais sobre o contexto xeográfico, histórico e cultural no que se sitúa cada ben, co propósito de situar o patrimonio dentro da súa paisaxe e favorecer unha interpretación integral da relación entre territorio e cultura.
Ademais, a ferramenta habilita a opción de descargar as fichas dos últimos bens incorporados á web, dando continuidade ao labor iniciado en 2011 por un equipo interdisciplinar de profesionais. O proxecto, coordinado polo profesor e divulgador Manuel Gago, continúa medrando a partir das achegas das persoas usuarias e mantén o seu funcionamento grazas ao apoio técnico de Dinahosting, que fornece o servizo de hospedaxe.

