fbpx
Presentación do volume / CSIC

Roma e Compostela, oito séculos dun diálogo xacobeo: o IEGPS presenta un volume que rastrexan a historia común dos anos santos

Tempo de lectura: 3 min.

O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC–Xunta de Galicia) presentou hoxe en Santiago o número 52 da colección ‘Anejos de Cuadernos de Estudios Gallegos’, un volume de arredor de 300 páxinas centrado na evolución histórica dos anos santos romanos e composteláns e nas complexas relacións que, desde a Idade Media, uniron ambos centros de peregrinación. A obra reúne contribucións procedentes dos XIV e XV Coloquios Compostela, celebrados en Roma e en Santiago, nas que se analizan séculos de diálogo, imitación e competencia simbólica entre a capital da Cristiandade e o principal santuario xacobeo.

Na presentación interviñeron Pablo Otero Piñeyro Maseda, director do IEGPS e da colección; Amparo Rubio Martínez, vicedirectora do Instituto; Antón M. Pazos, científico vinculado ad honorem do CSIC e editor literario do volume; e Xosé Manuel Merelles Remy, director da Axencia de Turismo de Galicia.

Durante o acto, Antón M. Pazos subliñou que “desde o principio, a relación entre Roma e España estivo presente en moitos xubileos”, recordando que tamén nos períodos de maior inestabilidade, como o Cisma de Occidente, os peregrinos da Península continuaron a acceder ás indulxencias romanas. Ao tempo, destacou que non se trataba só dunha conexión entre territorios, senón dun vínculo directo “entre Roma e Santiago de Compostela”, onde os anos santos “servían para instrumentalizar o poder dos seus arcebispos, articulado polo primeiro deles, Diego Xelmírez”.

Segundo Pazos, o libro examina esa longa relación de imitación-superación a través de elementos comúns como a dignidade apostólica das dúas cidades, a actividade propagandística orientada a atraer peregrinos ou os símbolos materiais que caracterizaron ambos xubileos, entre eles as portas santas.

O volume compila achegas de especialistas italianos e españois que abordan a historia dos anos santos desde unha perspectiva comparada. Abrindo o libro, Antón M. Pazos ofrece unha contextualización xeral dos xubileos romanos e composteláns e presenta os capítulos seguintes.

O investigador Giovanni María Vian analiza en “Roma en tempo de xubileos (1300-2025)” a transformación urbana da cidade dos papas e o papel que xogaron os anos santos na súa configuración. Pola súa banda, Mario Prignano examina na súa contribución a evolución medieval das celebracións romanas, incluída a influencia do Cisma de Occidente e a súa relación co papado.

A etapa contemporánea corre a cargo de Stefano Trinchese, que revisa os xubileos celebrados desde 1900 e explica como estas convocatorias se entrelazan cos grandes momentos históricos do século XX.

No ámbito compostelán, o capítulo de Arturo Iglesias Ortega profundiza na orixe e datación da Porta Santa da Catedral de Santiago, repasando as hipóteses historiográficas e defendendo a súa construción anterior á romana. Pola súa parte, Domingo Luis González Lopo aborda o período moderno, no que o ano santo xa era un acontecemento consolidado que influíu de maneira decisiva na afluencia de peregrinos e na vida litúrxica e arquitectónica da cidade.

O propio Pazos achega un estudo sobre a evolución dos anos santos desde o século XIX, incorporando documentación inédita procedente do Arquivo Apostólico Vaticano, con especial atención á gran peregrinación xuvenil de 1948.

O libro complétase cunha análise de Xosé Santiago Allegue sobre o impacto urbanístico das celebracións xacobeas e o papel do arquitecto Francisco Pons-Sorolla, e cun capítulo de Iago Seara Morales e Juan Orozco Corredoira sobre tres décadas de políticas de conservación e ordenación relacionadas co Camiño de Santiago.

Con este volume, a serie ‘Anejos de Cuadernos de Estudios Gallegos’, que cumprirá 80 anos en 2026, amplía o seu catálogo cunha obra de carácter interdisciplinar que percorre a longa historia de maduración dos anos santos en Roma e Santiago. A colección, editada polo CSIC, é considerada unha das principais referencias na investigación humanística galega xunto coa revista ‘Cuadernos de Estudios Gallegos’, da que funciona como complemento especializado.

Pode que che interese...