fbpx
Traballos na Cova de Eirós / CISPAC

Solidariedade Obreira alerta dun modelo de explotación laboral encuberta na arqueoloxía galega

Tempo de lectura: 2 min.

Galicia exhibe con frecuencia os avances das súas campañas arqueolóxicas, unha actividade que cada ano achega novos datos sobre o pasado romano, castrexo ou prehistórico da comunidade. Porén, a Sección de Arqueoloxía de Solidariedade Obreira sostén que tras esa imaxe pública existe unha problemática laboral de fondo que afecta de maneira directa ao persoal en formación. Nun comunicado difundido hoxe, a central dirixe a súa crítica ás administracións e ás universidades galegas, ás que atribúe a consolidación dun “modelo de explotación laboral encuberta” baseado no traballo gratuíto de estudantes e recén tituladas e titulados.

Segundo o sindicato, a figura do “voluntariado” converteuse nun mecanismo habitual para cubrir tarefas que cualifican como laborais, coa particularidade de que quen participa nas escavacións non percibe salario nin xera cotización, malia asumir funcións que consideran estruturais nos proxectos. A organización advirte de que esta situación se insire nun sector xa marcado por unha precariedade histórica, e que sorprende especialmente porque serían, na súa opinión, institucións públicas e académicas as que estarían normalizando a ausencia de remuneración.

A denuncia describe un desequilibrio entre beneficios científicos e condicións de participación. Mentres os proxectos promovidos desde a universidade obteñen grandes volumes de datos que se transforman posteriormente en artigos, sexenios ou méritos académicos para catedráticos e investigadoras principais, o traballo de campo e de limpeza de materiais recae na base das campañas, integrada por persoas en etapa formativa. Esa contribución, sinala Solidariedade Obreira, non recibe recoñecemento profesional nin compensación económica, malia ser esencial para o avance das investigacións.

Cova Eirós e Armeá

O comunicado inclúe referencias directas a intervencións coñecidas na comunidade, como Cova Eirós (Triacastela) —clave para o estudo do Paleolítico no noroeste— ou o xacemento de Armeá (Allariz). Nestes casos, indican, as “voluntarias” asumirían a maior parte das tarefas de escavación e análise, mentres que a autoría intelectual e os réditos curriculares se centralizarían nos equipos directores. De acordo coa información dispoñible nas webs institucionais, o proxecto da Cova Eirós está liderado polo catedrático Ramón Fábregas Valcarce (USC) e o de Armeá polo profesor Adolfo Fernández (Universidade de Vigo).

Ata o momento, nin os rectorados das dúas universidades citadas nin as persoas responsables dos proxectos mencionados ofreceron unha resposta pública ás acusacións formuladas por Solidariedade Obreira.

Impacto social e profesional dun sistema asentado

A central sindical sostén que esta dinámica non só afecta ás condicións económicas, senón tamén ao acceso á carreira profesional. A normalización do traballo non remunerado implicaría, segundo destacan, unha barreira de clase e de xénero, posto que só quen pode permitirse participalo sen retribución logra acumular experiencia suficiente para continuar na disciplina. A organización lembra que esta realidade atinxiría principalmente a mulleres mozas, o que contribuiría a perpetuar desigualdades dentro da profesión.

Para o sindicato, o problema xa superou a fronteira da aprendizaxe práctica e converteuse nun sistema que retarda a entrada no mercado laboral, precariza ás novas xeracións e sitúa ás institucións públicas nun papel que cualifican de contraditorio cos principios de protección social que deberían garantir.

Pode que che interese...