fbpx
Estatua de Rosalía de Castro / mercedesgallego.es

Un museo virtual reúne por primeira vez toda a iconografía de Rosalía de Castro

Tempo de lectura: 2 min.

O Museo virtual de iconografía de Rosalía de Castro vén de facerse público como resultado do proxecto de investigación Rosalía 2.0: catalogación, estudo e dixitalización da iconografía sobre Rosalía de Castro, desenvolvido durante o curso 2024-2025. O traballo foi realizado por Laura Camino Plaza ao abeiro dunha bolsa de investigación en humanidades da Deputación da Coruña e foi cedido para a súa preservación e difusión á Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela.

Este novo espazo dixital constitúe o primeiro museo virtual integramente dedicado á iconografía rosaliana, concibido como unha ferramenta ao servizo tanto da investigación académica como da divulgación e da educación patrimonial. O seu obxectivo principal é facer accesible un conxunto de materiais visuais fundamentais para comprender como se foi construíndo, reinterpretando e conmemorando a imaxe de Rosalía de Castro ao longo do tempo.

O percorrido do museo articúlase arredor dun corpus iconográfico amplo e heteroxéneo, que abrangue desde o século XIX ata a actualidade. Gravados, retratos, esculturas, ilustracións, imaxes conmemorativas e representacións contemporáneas permiten rastrexar distintos réximes de representación e analizar as mudanzas nas estratexias de memorialización da autora en función dos contextos históricos, culturais e políticos.

Segundo se desprende da investigación, o proxecto non só recompila e cataloga este material, senón que o transforma nun espazo dixital aberto, accesible e en permanente actualización. A estrutura do museo está pensada para incorporar novas pezas no futuro, o que o converte nun proxecto vivo e potencialmente colaborativo, aberto á participación doutras investigacións e institucións.

A responsable do traballo, Laura Camino Plaza, é filóloga clásica e doutora en Estudos da Literatura e da Cultura pola USC. Especializada en estudos de xénero, teoría e historia das emocións e humanidades dixitais, a investigadora combinou neste proxecto metodoloxías tradicionais de análise documental coa aplicación de ferramentas dixitais, co obxectivo de demostrar a utilidade dos enfoques interdisciplinares no estudo e na difusión do patrimonio literario.

Entre as principais conclusións do proxecto destaca a pluralidade de imaxes de Rosalía de Castro, que evidencia a súa condición de símbolo en continua reconfiguración. A iconografía revela unha autora capaz de adaptarse ás necesidades simbólicas e afectivas de cada época, mantendo unha forte presenza no imaxinario colectivo galego.

O estudo tamén subliña a dimensión emocional e identitaria destas representacións, que axuda a explicar a vixencia da figura de Rosalía como elemento cohesivo dunha comunidade cultural diversa e mesmo transnacional. Ademais, o museo virtual permite analizar de forma crítica o papel das institucións e do mercado cultural na consolidación e reapropiación da imaxe da escritora, facendo visibles as lóxicas institucionais e as estratexias de mercantilización que interveñen na súa canonización e na reformulación estética e simbólica da súa figura.

Pode que che interese...