fbpx
Portada da Guía Didáctica / Mazarelos

Un novo recurso educativo coloca no centro ás mulleres que sosteron a resistencia ao franquismo

Tempo de lectura: 3 min.

A Sociedade Cooperativa Galega Xuvenil Mazarelos vén de presentar a guía didáctica ‘As mulleres na resistencia antifranquista en Galicia’, un material pedagóxico que ofrece ao profesorado de secundaria e Bacharelato unha aproximación rigorosa á guerrilla galega e á súa retagarda feminina. A obra, financiada polo Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática ao abeiro da convocatoria estatal de 2024, reivindica o papel decisivo de guerrilleiras, enlaces e colaboradoras que permaneceron á marxe da historiografía durante décadas.

O documento establece como punto de partida unha reflexión sobre o esquecemento histórico. Segundo se lembra na introdución da guía, a resistencia galega “non se pode entender sen o papel activo delas”, un protagonismo que quedou eclipsado polo silencio imposto pola ditadura e polas limitacións das primeiras investigacións sobre o período. A publicación incorpora ademais testemuños directos, como o de Francisco Rey Balbís, Moncho, quen apuntaba que “máis do corenta por cento da nosa guerrilla eran mulleres”, aínda que non sempre formasen parte das partidas do monte.

A guía propón unha metodoloxía baseada na indagación, na análise de fontes primarias e no traballo cooperativo. O alumnado é convidado a reconstruír biografías fragmentadas, interpretar documentos xudiciais, prensa da época ou correspondencia persoal, e contrastar fontes oficiais coas testemuñas depuradas pola censura. O obxectivo é que descubra quen foron estas mulleres, por que quedaron fóra do relato dominante e como se artellaron as redes de apoio que fixeron posible a supervivencia da guerrilla.

O material inclúe mapas históricos, fotografías, expedientes militares —como os relativos a Carmen Fernández Seguín ou Domitila Gutiérrez—, prensa, documentos de arquivo e recursos audiovisuais como As Silenciadas (2011) ou La isla de Chelo (2008). Ademais, recolle estatísticas sobre represión e xénero, como a evolución das mulleres encartadas por resistencia entre 1940 e 1955 ou os datos sobre vítimas con resultado de morte en Galicia entre 1936 e 1939.

Unha proposta curricular para Historia, Xeografía e proxectos interdisciplinares

A unidade está deseñada para encaixar en 4º de ESO e en 1º e 2º de Bacharelato, especialmente nas materias de Xeografía e Historia, Historia de Galicia ou proxectos de carácter humanístico e sociolingüístico. O deseño curricular destaca o traballo sobre dereitos e perda de liberdades durante a II República, o golpe de 1936, os mecanismos represivos do franquismo e as distintas formas de resistencia feminina: desde o apoio loxístico e os enlaces ata a participación directa na loita armada.

As sesións propostas abordan desde a reconstrución da vida cotiá na clandestinidade até a análise das “redes comunitarias de resistencia”, que operaban con risco extremo e nas que as mulleres asumiron tarefas de intelixencia, abastecemento, refuxio ou comunicación. Documentos como o expediente militar de 1950 contra Carmen Fernández Seguín ilustran a criminalización sistemática destas accións, etiquetadas polo réxime como “bandoleirismo”.

A proposta complétase cunha visita a un espazo de memoria, un elemento central para conectar o traballo de aula co territorio e coa experiencia histórica. O obxectivo é que o alumnado recoñeza os lugares onde se desenvolveu a represión e a resistencia, interpretando mapas, restos materiais e paisaxes históricas vinculadas ás partidas guerrilleiras galegas, como as estruturas da Federación de Guerrillas de León-Galicia preservadas en zonas de monte.

Unha recurso aberto para docentes e público xeral

A guía concíbese como un “pequeno laboratorio” de investigación histórica aberto non só ao profesorado, senón tamén a calquera persoa interesada en coñecer estas experiencias e contribuír a reparar a invisibilización das mulleres na loita antifranquista. A estrutura modular permite configurar sesións diversas e adaptar o nivel de profundidade, mentres que os materiais están pensados para facilitar reflexións críticas sobre violencia, xénero e memoria democrática.

Coa elaboración deste recurso, Mazarelos e as entidades colaboradoras —entre elas o Departamento de Historia da USC, o grupo HISTAGRA e a Asociación de Medios en Galego— ofrecen unha ferramenta que pretende fortalecer unha lectura plural da historia recente e incorporar ás aulas aquelas voces que durante décadas quedaron ausentes do relato público.

Pode que che interese...