fbpx
Xacemento atopado en Salvaterra de Miño / Terra Grovii

A aparición de cerámicas romanas leva á catalogación de dous xacementos en Salvaterra

Tempo de lectura: 2 min.

O Servizo de Patrimonio da Xunta de Galicia vén de inventariar dous novos xacementos arqueolóxicos no concello de Salvaterra de Miño, tras a localización de restos materiais nas inmediacións do Coto dos Ladróns, entre as parroquias de Fiolledo e Pesqueiras. A actuación produciuse despois de que un veciño da zona, Sergio Domínguez, comunicase a aparición de fragmentos cerámicos que poderían corresponder á época romana.

O achado realizouse nunha parcela recentemente rozada, nunha contorna que nos últimos anos foi obxecto de movementos de terra vinculados á creación de viñedos, unha circunstancia que podería ter afectado á conservación dos restos. Tras recibir o aviso, técnicos de Patrimonio desprazáronse ao lugar e levaron a cabo unha prospección visual, coa colaboración da asociación Terra Grovii.

Como resultado desta intervención, identificouse en primeiro lugar un asentamento romano, caracterizado pola presenza de tégulas, ladrillos e fragmentos de ánforas, localizados principalmente arredor das raíces de varios eucaliptos derrubados. A dispersión dos materiais e o seu contexto permitiron aos técnicos concluír que se trata dun novo enclave romano, aínda pendente de definir no que respecta á súa extensión e configuración interna.

Durante a mesma visita, o persoal da Xunta procedeu tamén á catalogación do Coto dos Ladróns como xacemento paleolítico. A diferenza dun castro, o enclave non presenta estruturas defensivas nin habitacionais visibles, pero si ferramentas de pedra tallada, algunhas delas xa documentadas con anterioridade polo arqueólogo Alberte Reboreda.

A proximidade entre ambos os xacementos permite reinterpretar achados realizados con anterioridade na zona, como unha lucerna de bronce conservada no Museo de Pontevedra, así como distintos materiais líticos localizados en campañas previas. Ademais, o conxunto sitúase a menos dun quilómetro da capela da Asunción, no Monte Castelo, onde existiu un castro parcialmente destruído por explotacións de cantería en épocas pasadas.

Segundo trasladou Terra Grovii, estes novos datos reforzan a hipótese de que o macizo do Castelo constitúe un espazo de ocupación humana continuada, con presenza documentada desde o Paleolítico e a Idade do Bronce ata a etapa galaica e a romanización. A asociación subliña que a concentración de evidencias de distintas épocas nunha mesma área incrementa o interese científico e patrimonial do enclave.

Neste contexto, desde o colectivo patrimonial reclámase a realización de sondeos arqueolóxicos específicos que permitan coñecer con maior precisión o alcance dos xacementos, así como a adopción de medidas de protección que eviten posibles danos derivados de futuras actuacións forestais ou agrícolas. Tamén lembran que corresponde ao Concello de Salvaterra de Miño incorporar estes espazos ao seu catálogo patrimonial para garantir a súa preservación a longo prazo.

Pode que che interese...