fbpx
Portada do libro 'La horca y el fuego' / USC

‘A forca e o lume’: unha investigación da USC reconstrúe a historia social da pena de morte entre os séculos VIII e XII

Tempo de lectura: 2 min.

O investigador da Facultade de Historia e do Instituto de Investigación de Humanidades da Universidade de Santiago de Compostela, Abel de Lorenzo Rodríguez, desenvolveu durante o seu período doutoral unha investigación centrada nas formas de pena de morte aplicadas na Hispania altomedieval. O estudo analiza os procedementos sancionados polas distintas formas de poder entre os séculos VIII e XII, como a forca, o lume, a precipitación, a decapitación ou a crucifixión, empregados como mecanismos para poñer fin á vida dos condenados.

O resultado deste traballo vén de ser publicado pola editorial Comares no volume La horca y el fuego. Una historia social de la pena de muerte en Hispania (700-1200). A obra baséase nunha análise documental detallada que permite identificar vítimas e verdugos concretos, con nomes e traxectorias que puideron ser rastrexadas historicamente. A partir desta documentación, o autor reconstrúe as principais formas de execución no noroeste da Península Ibérica nun período de transición que vai do final da Antigüidade á Plena Idade Media, con especial presenza de casos vencellados ao antigo reino de Galicia.

A investigación aborda como a xustiza penal actuaba sobre os corpos das persoas condenadas e como se foi configurando o fundamento das execucións nos reinos cristiáns peninsulares. O traballo non se limita á descrición dos castigos, senón que analiza os perfís sociais de quen sufría estas condenas e os procesos que conducían á súa aplicación. Segundo explica o autor, o estudo atende “tanto á inspiración que move estas execucións como ás negociacións e conflitos sociais que aparecen na xustiza penal analizada dende abaixo”.

Ao longo da obra tamén se examina a evolución histórica dos castigos, o paso dunhas formas de matar a outras e o papel que xogaban a memoria colectiva e a percepción social destas prácticas. A investigación presta atención ás razóns polas que se escolle un tipo de execución fronte a outro e ao significado que estas decisións tiñan no seu contexto histórico.

Neste sentido, o autor subliña a importancia das identidades asociadas ás condenas, tanto desde o punto de vista relixioso como social. “Tamén investigo sobre a identidade que reside, especialmente relixiosa, mais tamén de clase, criminal ou de xénero, á hora de aplicar unha execución ou outra”, sinala. O estudo ofrece así unha aproximación á pena de morte medieval que combina a análise institucional coa dimensión social e simbólica das execucións, achegando unha visión detallada dun dos aspectos máis duros da xustiza nos séculos altomedievais.

Pode que che interese...