fbpx
Situación de abandono na que se atopa a Torre de Caldaloba, a última que mantiveron os Pardo de Cela / Xabier Moure

A última torre que resistiu á conquista de Castela acaba nos tribunais

Tempo de lectura: 2 min.

A Xunta de Galicia decidiu non aceptar unha proposta de acordo coa Deputación de Lugo sobre a propiedade da Torre de Caldaloba, polo que o conflito entre ambas administracións continuará pola vía xudicial. Así llo trasladou o Xulgado á institución provincial nunha comunicación recibida este martes, na que se confirma que o procedemento iniciado no pasado mes de abril segue adiante.

Segundo explicou a Deputación, esta decisión mantén paralizadas as actuacións de restauración e posta en valor previstas pola Vicepresidencia provincial, despois de que en 2022 a área de Cultura adquirise a parte principal da parcela na que se localiza a torre. A institución provincial considera que a falta de acordo impide avanzar na recuperación dun ben patrimonial que continúa en proceso de deterioro.

A deputada de Cultura, Iria Castro, sinalou que o Goberno galego “non tivo ningún interese en Caldaloba ata que a Deputación adquiriu os terreos, hai máis de tres anos”, e interpretou as actuacións posteriores como unha estratexia para atrasar a intervención no monumento. Segundo indicou, mentres o proceso xudicial segue aberto, a torre permanece sen as actuacións de conservación previstas.

O conflito xurdiu formalmente o 16 de abril, cando a Xunta presentou unha demanda contra a Deputación pola propiedade dos terreos, tres anos despois da compra realizada pola institución provincial a un propietario particular. Co obxectivo de desbloquear a situación e priorizar a intervención patrimonial, a Deputación solicitou o 14 de outubro, durante a audiencia previa ao xuízo, a suspensión do procedemento e a apertura dun período de negociación entre as partes.

A proposta presentada pola Deputación incluía o compromiso da Xunta de garantir a protección, conservación, restauración e consolidación da Torre de Caldaloba, respectando o seu valor histórico e arqueolóxico. Ademais, o acordo contemplaba que o Goberno galego asumise o custo da adquisición do ben, cifrado en 106.000 euros, xunto cos gastos asociados á operación, que ascenden a 4.018,65 euros en concepto de taxación, medición, rexistro e notaría.

Ao non prosperar esta vía negociada, a situación da Torre de Caldaloba queda á espera do que determine o procedemento xudicial en curso, mentres continúan as diferenzas entre as dúas administracións sobre a titularidade e a xestión dun elemento patrimonial considerado de relevancia histórica na provincia de Lugo.

Pode que che interese...