fbpx
Anverso e reverso dunha das moedas recuperadas pola Xunta / Coinarchives

A Xunta asegura para o patrimonio público seis moedas clave das orixes do Reino de Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude formalizou a adquisición dun lote de seis moedas históricas galegas tras exercer o dereito de tenteo sobre as pezas poxadas o pasado 25 de xuño en Madrid. A operación foi publicada este xoves no Diario Oficial de Galicia, e supón un investimento total de 178.200 euros, correspondente ao prezo final acadado na poxa.

As moedas procedían dunha venda organizada pola casa madrileña Jesús Vico e forman parte dun conxunto de especial relevancia para o coñecemento das orixes políticas e monetarias de Galicia. Entre elas figuraba un tremissis suevo de ouro coa lenda “Munita Gallica Pax”, considerada a peza máis valiosa do lote, que fora adxudicada inicialmente a un coleccionista estadounidense por máis de 52.000 euros.

Segundo recolle a orde publicada, a Xunta de Galicia comunicou o 16 de xullo á casa de poxas a súa intención de exercer o dereito de tenteo e, de ser preciso, unha acción civil de retracto. O proceso viuse condicionado polo exercicio previo dese dereito por parte do Ministerio de Cultura sobre unha das moedas —un cuarto de excelente dos Reis Católicos— destinada ao Museo Arqueolóxico Nacional, o que deixou vía libre á administración autonómica para adquirir as seis pezas restantes.

As moedas incorporadas

Coa resolución agora efectiva, o patrimonio público galego incorpora:

  • Tremissis suevo de Honorio, ceca de Gallaecia

  • Tremissis suevo de Valentiniano, ceca de Gallaecia

  • Tremissis suevo da serie latina Mvnita, ceca de Gallaecia

  • Tremissis visigodo de Wamba, ceca de Tui

  • Medio excelente da granada dos Reis Católicos, ceca da Coruña

  • Medio real de Felipe II, ceca da Coruña

Trátase de pezas que abranguen desde a Alta Idade Media, con especial presenza do reino suevo, ata a Idade Moderna, e que permiten seguir a evolución do poder político e da acuñación monetaria en Galicia ao longo de varios séculos.

O dereito de tenteo permite ás administracións públicas igualar a oferta vencedora nunha poxa cando se trata de bens de alto valor histórico, co obxectivo de evitar a súa dispersión ou a saída a coleccións privadas. Neste caso, a súa aplicación impediu que as moedas acabasen fóra do ámbito público, garantindo a súa conservación e futura exhibición.

Paralelamente, a Xunta activou medidas de protección inmediata, entre elas a incoación do expediente para a súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) e a solicitude ao Estado para que as pezas fosen declaradas inexportables, reforzando así a súa salvagarda legal.

A colección de Antonio Orol

As moedas proceden da colección do numismático galego Antonio Orol Pernas (1943–1991), quen reuniu ao longo da súa vida un dos conxuntos máis destacados de moeda galega entre os séculos I e XIX. Desde a propia casa de poxas destacouse que “sen ningunha dúbida a colección de Orol é a mellor colección de moedas galegas existente na actualidade”, pola presenza de exemplares romanos raros, moedas suevas únicas e pezas excepcionais da Idade Media.

Máis alá do seu valor económico, o lote adquirido constitúe unha testemuña material da continuidade histórica de Galicia como realidade política diferenciada, cunha presenza especialmente significativa do período suevo, considerado o primeiro reino medieval constituído en Europa arredor do ano 411. Coa súa incorporación ao patrimonio público, ábrese agora a porta á súa conservación, estudo e difusión para o conxunto da cidadanía.

Pode que che interese...