Arrinca a musealización dos petroglifos do Coto da Chan, única mostra de arte rupestre de Salceda
Os traballos de musealización dos petroglifos do Coto da Chan xa están en marcha na parroquia de Budiño, no municipio de Salceda de Caselas. A intervención ten como obxectivo conservar, divulgar e achegar á cidadanía un dos elementos patrimoniais máis singulares do concello, ao tempo que se contextualiza historicamente este conxunto de gravados prehistóricos dentro da súa contorna natural.
Os petroglifos localizados no Coto da Chan constitúen a única mostra de arte rupestre coñecida en Salceda de Caselas, o que outorga a este proxecto un papel destacado na estratexia municipal de protección do patrimonio histórico. A actuación pretende facilitar a comprensión destes gravados, datados na prehistoria recente, e explicar o seu significado cultural e territorial no marco no que foron realizados.
Na actualidade, o enclave xa conta cun sistema de sinalización básica, que permite o acceso ordenado da veciñanza e das persoas visitantes. Este primeiro paso posibilita percorrer a zona e coñecer de preto os petroglifos, mentres que a musealización incorporará elementos interpretativos adaptados, deseñados para ofrecer información histórica e arqueolóxica sen alterar nin danar o medio natural.
Os traballos estanse a desenvolver en colaboración coa Comunidade de Montes de Budiño, cuxa implicación resultou determinante para facer viable o proxecto. A cooperación entre a administración local e esta entidade representa un modelo de xestión compartida do patrimonio, baseado na corresponsabilidade e no aproveitamento social e cultural dos recursos do territorio.
Con esta iniciativa, o Concello avanza na protección e difusión do seu legado histórico, apostando por un modelo de posta en valor que combina preservación, acceso público e coñecemento, e que busca integrar o patrimonio arqueolóxico no día a día da comunidade sen perder de vista o respecto polo entorno natural no que se conserva.

