Culleredo acolle a presentación do libro ‘O Monte Xalo. Patrimonio cultural e tradición oral dun monte máxico’
Culleredo acollerá este venres a presentación do libro O Monte Xalo. Patrimonio cultural e tradición oral dun monte máxico, unha obra asinada por Lois Vilar e editada por Castelo Conta. O evento está organizado polo Colectivo das Pedras Galladas e celebrarase no edificio de Servizos de O Burgo a partir das 19:00 horas, nun encontro aberto ao público.
A publicación é froito de anos de investigación arredor da vertente norte do Monte Xalo, centrada principalmente nos concellos de Culleredo e Carral. O libro recompila información sobre numerosos elementos patrimoniais, entre eles medoñas, castros, petróglifos, fontes, brañas e penedos singulares, ademais dos usos tradicionais, crenzas populares e relatos asociados a estes espazos.
Un dos eixos centrais da obra é a análise do papel da auga e das pedras dentro da cultura popular da zona. Ao longo das páxinas, o autor recolle prácticas tradicionais, funcións simbólicas e coñecementos transmitidos oralmente, moitos deles ligados a lugares concretos do Monte Xalo. As lendas e historias populares funcionan como fío condutor para manter viva a tradición oral a través do traballo escrito.
Lois Vilar, nado en Sueiro (Culleredo) en 1957, é biólogo de formación e cámara de televisión de profesión. Leva décadas dedicado á recollida, estudo e difusión da cultura popular da comarca, cunha traxectoria centrada na preservación do patrimonio cultural do territorio, liña na que se inscribe esta nova publicación.
Durante a presentación, o autor explicará tamén a historia das ‘Pedras Galladas’ e a súa relación co ámbito do Monte Xalo. Desde a organización avanzan que o encontro servirá para coñecer de primeira man o proceso de investigación, os contidos do libro e a situación actual do Monte Xalo, convidando á veciñanza a participar nunha conversa aberta arredor do patrimonio e da memoria colectiva do territorio.

