Do reino suevo á monarquía hispánica: esta é a historia das seis moedas que acaba de adquirir a Xunta nunha subasta
A adquisición por parte da Xunta de Galicia dun lote de seis moedas históricas de excepcional relevancia supón moito máis ca unha operación patrimonial. Trátase da incorporación ao dominio público dun conxunto que abrangue máis de mil anos de historia, dende a Alta Idade Media ata a Idade Moderna, e que permite seguir a evolución do poder político en Galicia a través da moeda, dos seus talleres de acuñación e das mensaxes simbólicas que estas pezas transmiten.
As moedas, procedentes da coñecida Colección Orol, foron adquiridas tras o exercicio do dereito de tenteo nunha poxa celebrada en Madrid pola casa Jesús Vico. A operación, publicada no Diario Oficial de Galicia, garantiu que pezas de enorme singularidade histórica non acabasen en mans privadas nin fóra do ámbito público. A análise histórica e numismática das pezas baséase, entre outras fontes, na documentación técnica do catálogo da Colección Orol e no material achegado a Historia de Galicia polo especialista en numismática Iago Urgorri.
Galicia como territorio monetario: as raíces suevas
Tres das moedas pertencen ao período do reino suevo, considerado o primeiro reino medieval estable constituído en Europa tras a descomposición do Imperio romano de Occidente. Trátase de tremisses de ouro, unha tipoloxía monetaria herdada do mundo romano tardío, que evidencian a continuidade das estruturas administrativas e económicas no territorio galego durante os séculos V e VI.
Dous destes tremisses presentan os nomes de Honorio e Valentiniano, emperadores romanos anteriores á implantación do poder suevo. A presenza destas lendas non implica unha dependencia política, senón que responde a unha estratexia de lexitimación, habitual nos primeiros reinos xermánicos, que se apoiaban na tradición imperial para reforzar a súa autoridade.
A indicación da ceca de Gallaecia nas moedas confirma a existencia dun espazo político e administrativo identificado como tal, cunha produción monetaria propia. Segundo a documentación técnica do catálogo da Colección Orol, estas pezas sitúanse entre as máis antigas nas que Galicia aparece non só como territorio, senón como referente institucional da acuñación.
‘Mvnita Gallica Pax’: unha moeda e unha mensaxe
Entre as pezas máis destacadas do conxunto figura un tremissis suevo coa lenda “Latina Mvnita” e a referencia “Gallica Pax”, considerado polos especialistas como unha moeda única dentro da numismática europea. O seu valor reside non só na rareza material, senón no significado histórico da súa inscrición.
Segundo interpretacións recollidas por diversos autores, a expresión podería facer referencia ben a un acordo de paz subscrito polo rei suevo Miro (570–580) cos reinos merovinxios, ben ao propio Regnum Gallicense, denominación empregada por fontes como Gregorio de Tours para referirse ao reino suevo de Galicia. De confirmarse esta última lectura, estaríase ante a primeira mención explícita a Galicia nunha moeda.
Esta peza, que pasou por coleccións internacionais antes de integrarse na de Antonio Orol, constitúe unha testemuña material da capacidade do poder suevo para empregar a moeda como vehículo político e simbólico, máis alá da súa función económica.
O conxunto inclúe tamén un tremissis visigodo do rei Wamba, acuñado na ceca de Tui. A súa presenza permite observar a transición entre o mundo suevo e o visigodo, sen que isto supuxese a desaparición do papel de Galicia como territorio con relevancia monetaria.
A elección de Tui como taller de acuñación evidencia a importancia estratéxica do sur de Galicia no século VII, nun contexto de reorganización do poder visigodo tras a integración definitiva do antigo reino suevo. A moeda confirma a continuidade da actividade monetaria e a adaptación das iconografías e lendas ao novo marco político.
A Idade Moderna e a ceca da Coruña
O percorrido histórico complétase con dúas moedas da Idade Moderna, ambas acuñadas na ceca da Coruña, o que subliña o papel do porto coruñés dentro do sistema monetario da monarquía hispánica.
Unha delas é un medio excelente da granada dos Reis Católicos, moeda de ouro asociada á consolidación do novo Estado tras a conquista de Granada. A súa acuñación en Galicia revela a integración do territorio nas redes financeiras da Coroa, así como a capacidade técnica da ceca coruñesa para producir moeda de alta calidade.
A sexta peza é un medio real de Felipe II, tamén de extrema rareza. A documentación técnica indica que se trata dun exemplar pouco común, fundamental para comprender a circulación monetaria galega no século XVI e o papel da Coruña como enclave económico e naval de primeira orde.
Antonio Orol, máis alá do coleccionismo
As seis moedas proceden da colección reunida por Antonio Orol Pernas (O Valadouro, 1943 – Madrid, 1991), unha figura clave da numismática española contemporánea. Lonxe de limitarse ao coleccionismo, Orol desenvolveu unha labor investigadora de gran rigor, modernizando o estudo da moeda medieval e corrixindo erros de catalogación arrastrados durante décadas.
Vicepresidente da Asociación de Numismática Madrileña e membro activo de congresos e revistas especializadas, publicou obras de referencia como Acuñaciones de Alfonso IX e numerosos artigos en revistas como Gaceta Numismática ou Nvmisma. A súa obra póstuma Numismática gallega consolidou o seu prestixio como investigador e puxo o foco na importancia das cecas galegas entre os séculos XII e XIV.
Segundo recolle a documentación da casa de poxas, Orol formou a súa colección con criterios científicos, priorizando pezas clave para comprender a historia monetaria fronte ao valor puramente estético ou comercial.

