fbpx
Xardín do Castelo de Soutomaior / Castelo de Souutomaior

Máis alá da pedra: os castelos galegos como centros políticos, sociais e simbólicos

Tempo de lectura: 6 min.

A palabra castelo segue a funcionar como un atallo mental: guerra, cabaleiros, pedra e altura. Mais Miguel García-Fernández, historiador e membro do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, que traballa na divulgación deste patrimonio e participou na elaboración da exposición recentemente inaugurada ‘Soutomaior. O castelo e a súa liñaxe’, a primeira idea que insiste en desmontar é a redución do fenómeno a unha soa función. Para el, falar de castelos galegos implica asumir unha realidade “sumamente complexa”, feita de capas e de usos que mudan coa historia.

Unha parte importante das fortalezas xorden con propósitos militares, “moitas veces defensivos”, e iso tanto fronte a ameazas externas como no marco de conflitos internos. “No marco, sobre todo, da consolidación dun sistema feudal, onde tamén hai moitas rivalidades políticas e territoriais internas dentro do propio reino”, asegura. E nese escenario, as fortificacións operan como unha peza máis dun taboleiro de control: “permiten a defensa militar, o cobro de impostos” e, ao mesmo tempo, a visibilización do poder feudal sobre o territorio.

A idea reaparece unha e outra vez ao longo da conversa: as fortalezas son arquitecturas prácticas, pero tamén “símbolos”. “Son elementos materiais, elementos prácticos” para a defensa ou o ataque, resume, mais esa materialidade vai acompañada dunha dimensión que non se pode medir en metros de muralla: “teñen esa dobre dimensión de materialidade e tamén de patrimonio inmaterial en si mesmo como símbolos do poder”.

Miguel García-Fernández sitúa a expansión e a consolidación das fortalezas dentro dun proceso amplo: a señorialización de Galicia. Segundo expón, boa parte do poder das familias nobiliarias “aséntase, sobre todo, no dominio sobre o territorio”. E é nese punto onde “cristalizan uns castelos” que exercen funcións que van máis alá do militar: defensa, economía e xurisdición.

Cando se lle pregunta polo papel das fortalezas na consolidación dos grandes linaxes, a resposta é directa: “Para min resulta evidente que as fortificacións contribuíron a consolidar grandes liñaxes en gran medida”. E explica por que: a relación entre castelos e señores é “simbiótica”, “sumamente interconectada”. Uns reforzan aos outros: os señores empregan os castelos para fins militares, económicos e xurisdicionais; os castelos, como presenza física, fortalecen o asentamento do poder señorial.

Nesa lóxica, as fortalezas operan como centros dun sistema. “Van utilizalos… para asentarlos como centros dunha xurisdición, do control, do dominio sobre un territorio”, afirma. E engade a peza conceptual que, para el, axuda a entender o fenómeno: Galicia medieval é un espazo onde o poder está descentralizado. “Estamos falando dunha Galicia feudal onde todos estes señores… van exercer un poder político moi importante”, especialmente nun territorio “moi fóra do circuíto da corte”. Nese contexto, as elites locais funcionan como representantes dun “poder público” e as fortalezas son un instrumento fundamental desa representación.

Castelos e mosteiros: dous piares da Galicia señorial

O historiador formula unha lectura que organiza o mapa do poder medieval galego arredor de dous grandes eixes: monacato e nobreza laica. “Cando se fala da Galicia señorial”, explica, pódense destacar “dous grandes elementos”: por unha banda, os mosteiros; pola outra, as familias laicas que asentan o seu poder nunha “construción en pedra fundamental: os castelos”.

A comparación non pretende equiparar funcións, senón mostrar como ambos os dous ámbitos deixan unha pegada monumental e simbólica: os mosteiros como emblema dunha parte do poder e do territorio; as fortalezas como manifestación do control laico. Miguel subliña tamén unha cuestión de enfoque historiográfico: segundo di, durante moito tempo a historia máis académica centrouse en maior medida no monástico, mentres que “en tempos recentes” se está destacando “esa outra Galicia señorial, a fortificada dos leigos”. E remata cunha advertencia que funciona como síntese divulgativa: Galicia non foi “unha terra de monxes e de monxas” unicamente; tamén foi unha terra de nobres, homes e mulleres con poder, ligados a estruturas fortificadas.

Da altura á residencia: cando o castelo cambia de función

Outro dos puntos claros de García-Fernández é a evolución das fortalezas no tempo. Lembra que ao longo da historia medieval hai castelos e fortificacións asentadas sobre estruturas previas e reaproveitamentos de lugares con ocupacións anteriores, e tamén a construción de novas fortalezas orientadas á defensa e á visibilización do territorio. Mais pon o foco nun proceso de transformación especialmente perceptible nos séculos finais da Idade Media: as fortificacións “descenden en altura” e pasan a ter un papel crecente como espazos residenciais.

O cambio non é só arquitectónico, senón social: “van ocupar un papel fundamental xa non militar… senón tamén residencial”. E é aí onde identifica a cristalización de “grandes castelos que aínda hoxe conservamos, máis ou menos remozados”, asociados ás guerras irmandiñas, ás reparacións posteriores e ás reformas de finais do século XV e xa do XVI.

A conservación actual, lembra, é “moi desigual”. Hai moitas fortalezas documentadas das que apenas fican bases ou restos de torres, e outras que se mantiveron como estruturas máis completas. Ao explicar por que, introduce un criterio que se repite en varios exemplos: a función residencial e o uso continuado favorecen a permanencia. “Canto máis o uso… favoreceu sen dúbida esa conservación”, afirma, e relaciona esa continuidade coa presenza de grandes liñaxes e, máis tarde, coa permanencia de administradores cando parte da nobreza marcha na etapa moderna.

A revolta irmandiña e os Reis Católicos: as capas do conflito

Se hai un punto de inflexión que explica moito do que hoxe vemos, ese é o ciclo de conflitos do final da Idade Media. “A revolta irmandiña si supuxo un punto de inflexión para moitas fortalezas”, afirma. Houbo derrubamentos e danos importantes, e despois chega outra fase: “o momento no que os Reis Católicos mandan derrubar moitas fortalezas”, coa intención de “domesticar esa nobreza galega”.

A consecuencia é decisiva para a lectura do patrimonio: “boa parte da materialidade dos castelos… reflicten arquitecturas xa baixo medievais e reformas de finais do século XV ou xa do século XVI”. Para o historiador, isto obriga a unha mirada crítica: un castelo “actual” é un “produto histórico” con “moitas capas” que é preciso ir identificando e separando.

E aquí entra un dos avisos máis contundentes: o castelo que vemos pode non ser o castelo medieval que imaxinamos. O historiador do IEGPS pon como exemplo intervencións modernas que transforman a percepción da Idade Media, e fala mesmo de “fake” ao referirse a determinadas reconstrucións, asociándoas ao neomedievalismo e a intervencións posteriores que poden dar “máis aparencia de medieval da que terían en orixe”. A consecuencia, di, é clara: “temos que ser críticos” e os programas divulgativos deberían “explicarnos as distintas intervencións que sufriu esa fortaleza” para distinguir “o propiamente medieval” das reformas posteriores.

Que investigar hoxe: inventarios, arqueoloxía e documentación

Existe tamén un mapa de prioridades para o estudo das fortificacións. Miguel García-Fernández defende que segue sendo necesario un traballo de base: “recuperar proxectos… un inventario das fortificacións da Galicia medieval”. Para el, esa primeira fase de documentación é imprescindible porque “aínda levamos moitas sorpresas”, e porque moitos inventarios partiron sobre todo da documentación escrita.

Mais, ao mesmo tempo, introduce un cambio metodolóxico que considera clave: a arqueoloxía. Segundo explica, o que revelan investigacións recentes é que “a arqueoloxía resulta fundamental”, e que a mellor vía é a alianza: “esta unión de estudos de arqueoloxía máis estudos documentais é a peza” para avanzar. A esa combinación suma tamén a análise arquitectónica e as lecturas de paramentos: inventariar, estudar e, a partir de aí, interpretar.

O obxectivo último, insiste, non é só describir muros, senón integrar as fortalezas nunha explicación máis ampla: “temos que analizar as fortalezas dentro dunha explicación máis global da sociedade”, prestando atención aos “homes e ás mulleres que os habitaron, que os remodelaron” e que condicionaron a súa configuración.

As mulleres nos castelos: máis alá da ‘dama encerrada’

Ao entrar no seu campo específico de investigación —a historia social das mulleres na Idade Media— Miguel García-Fernández detense nunha das imaxes máis persistentes do imaxinario: o castelo como escenario exclusivamente masculino. Di que temos “unha visión moi masculina da Idade Media” e que, se se analiza a documentación, aparecen outras realidades: “houbo numerosas mulleres que non só residiron nesas fortalezas” e que tamén estaban nelas cando eran atacadas ou defendidas.

O historiador insiste en que non se trata de forzar as fontes, senón de ler a documentación máis alá das crónicas e relatos. É aí, di, onde se ve que a relación das mulleres coas fortalezas non se reduce ao papel pasivo. Menciona exemplos concretos: mulleres que defenden espazos fortificados, mulleres que son propietarias, herdeiras ou tutoras e que xestionan patrimonios vinculados a castelos. A idea que quere subliñar é que as fortalezas forman parte dos señoríos tamén na súa dimensión feminina: “son elas as que xestionan, administran o propio sistema de fortificacións galegos”.

E formula unha corrección directa ao tópico: “esta idea de… damas encerradas nos seus castelos… non se corresponde coa verdade” cando se revisa a documentación. Para el, a invisibilidade ten explicacións combinadas: unha historiografía “androcéntrica”, feita en boa medida por homes; e tamén fontes que privilexian a mirada sobre os varóns e as cabezas de liñaxe. Mais, ao descender á documentación ordinaria e notarial, aparece outra escena social: “as mulleres son axentes xurídicos de primeira orde”, participan en actos patrimoniais, outorgan propiedades, testamentos e exercen funcións de xestión.

A conclusión volve ao principio: os castelos son unha expresión central do poder señorial, pero non poden entenderse cunha única lente. Nin pola función —militar ou residencial— nin polos suxeitos históricos. “O que compre é cambiar a mirada”, tanto na investigación como na divulgación, para asumir que as fortalezas medievais galegas foron realidades diversas, cambiantes e inseridas nunha sociedade complexa onde o poder non estivo só en reis, bispos e cabaleiros, senón tamén en raíñas, abadesas e mulleres nobres.

Pode que che interese...