fbpx
Máscaras da exposición no Museo do Pobo Galego / Alas y viento

O Museo do Pobo Galego reúne 66 máscaras europeas nun percorrido pola súa función cultural e simbólica

Tempo de lectura: 2 min.

O Museo do Pobo Galego inaugurará este xoves, 29 de xaneiro, a exposición ‘Masks. Alas y Viento Collection. Nacho Rovira II’, unha proposta expositiva que aborda a máscara como manifestación cultural universal, presente en rituais, celebracións festivas, prácticas relixiosas e representacións teatrais de distintas épocas e territorios.

A mostra reúne 66 pezas, das cales 54 proceden da colección privada do coleccionista e viaxeiro Nacho Rovira, quen leva máis de catro décadas recompilando máscaras en diferentes países europeos. As restantes 12 pezas pertencen aos fondos do propio Museo do Pobo Galego, froito do seu traballo continuado de recompilación, estudo, catalogación e conservación do patrimonio material e inmaterial vinculado ao Entroido galego.

As máscaras expostas proceden de Romanía, Italia, Portugal e España, e permiten realizar un percorrido polos usos, funcións e significados asociados a esta expresión cultural. Entre as tipoloxías representadas figuran máscaras do carnaval popular, vencelladas ás festas de inverno; pezas empregadas en celebracións relixiosas como o Nadal, a Semana Santa ou o Corpus Christi; exemplos do carnaval cortesán barroco e da Commedia dell’Arte, ligados ao teatro europeo da Idade Moderna; máscaras funerarias, relacionadas cos rituais de despedida e a memoria dos defuntos; así como creacións contemporáneas de carácter artístico, que amosan a continuidade e reinterpretación destas tradicións.

A exposición está impulsada pola Universidade de Valladolid, a través da súa Cátedra de Estudos da Tradición, e está coordinada e comisariada pola profesora Pilar Panero. A iniciativa forma parte do proxecto europeo ‘Unveiling the Arts and Works behind the Masks’ (‘Descubrindo as artes e os oficios detrás das máscaras’), promovido pola European Education and Culture Executive Agency, que busca poñer en valor os saberes e oficios asociados á creación destas pezas.

A inauguración oficial terá lugar ás 19.00 horas no claustro alto do Museo, espazo no que a exposición poderá visitarse até o 26 de abril de 2026.

Actividades complementarias

No marco da programación asociada á mostra, o Museo do Pobo Galego organiza unha visita comentada guiada pola súa comisaria, Pilar Panero, que terá lugar o venres 30 de xaneiro ás 16.30 horas. A participación nesta actividade require inscrición previa a través do enderezo electrónico deac@museodopobo.gal.

Así mesmo, desde o Departamento de Educación e Acción Cultural (DEAC) do Museo están previstas actividades didácticas dirixidas a centros escolares ao longo do segundo trimestre do curso, así como outras visitas especiais e propostas educativas vencelladas á exposición, co obxectivo de achegar o coñecemento das máscaras e do seu contexto cultural a públicos diversos.

Pode que che interese...