fbpx
Fotografía da SD Tordoia sobre o dolmen de Tordoia / SD Tordoia

Polémica en Tordoia por unha campaña deportiva realizada nun dolmen

Tempo de lectura: 2 min.

A Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal) manifestou publicamente o seu rexeitamento a unha imaxe promocional difundida recentemente por un equipo de fútbol do municipio de Tordoia, na que varias persoas posaban sobre o dolmen de Cabaleiros, un monumento funerario prehistórico situado neste concello coruñés.

Segundo explicou a entidade, presidida por Carlos H. Fernández Coto, na fotografía aparecen catro mozos vestidos cunha camiseta de estilo vintage que o club vén de poñer á venda. Na escena, dous deles sitúanse na parte superior do dolmen, mentres os outros dous posan diante da súa entrada. Para Apatrigal, este tipo de usos do patrimonio resultan inadecuados, ao tratarse de bens “con miles de anos de historia” e cun alto grao de fraxilidade estrutural.

“Os dolmens non son plataformas nin escenarios para sesións de fotos”, sinala a asociación nun comunicado, no que lembra que se trata de monumentos funerarios que chegaron ata a actualidade grazas ao respecto acumulado ao longo de xeracións. A entidade advirte de que accións como subirse ás lousas, camiñar sobre elas ou empregalas como fondo publicitario contribúen ao seu deterioro e poden transmitir ás persoas máis novas a idea de que este tipo de comportamentos son aceptables.

No seu posicionamento, Apatrigal insiste en que a conservación do patrimonio non é unha responsabilidade exclusiva das administracións públicas, senón tamén de quen visita estes espazos ou os emprega con fins promocionais. “Se queremos que sigan aí mañá, temos que empezar por baixar deles hoxe”, conclúe a asociación.

Tras a difusión das críticas, a SD Tordoia retirou xa as imaxes das súas redes sociais. Fontes veciñais consultadas sinalan que o club, ao que definen como unha entidade “implicada coa vida local”, non tería tido intención de danar o monumento e que a elección do dolmen respondería á vontade de amosar algúns dos elementos máis recoñecibles do municipio, do mesmo xeito que outras localizacións como Pedra Longa ou a Acea de Estevo.

A polémica xerada nas redes sociais incluíu tamén referencias a imaxes históricas doutros xacementos megalíticos galegos, como o dolmen de Dombate, nas que se lembran prácticas realizadas décadas atrás en contextos científicos ou divulgativos. Desde Apatrigal, porén, insístese en que o coñecemento acumulado sobre a fraxilidade destes bens obriga hoxe a extremar o coidado e o respecto no seu uso e representación pública.

Pode que che interese...