Ramón Villares doa o seu arquivo persoal á USC tras medio século de traxectoria académica
A Universidade de Santiago de Compostela vén de incorporar aos seus fondos documentais o arquivo persoal de Ramón Villares, quen foi reitor da institución entre 1990 e 1994 e exerce na actualidade como profesor emérito. A doazón formalizouse este mércores 28 no Arquivo Histórico Universitario, nun acto simbólico que contou coa presenza do actual reitor, Antonio López Díaz, e da directora do arquivo, Désirée Mª Domínguez Pallas.
O fondo está composto por 66 caixas de documentación, resultado dunha actividade profesional continuada ao longo de preto de cincuenta anos, e abrangue de maneira ampla as distintas etapas da carreira académica e institucional de Villares. Entre os materiais incorporados figuran traballos de investigación propios e dirixidos, acompañados de fichas, referencias bibliográficas, textos e reproducións de fontes documentais, así como documentación vinculada á súa labor docente, con materiais de aula, rexistros académicos, artigos e constancia da participación en congresos e encontros científicos.
Xunto a esta dimensión investigadora e docente, o arquivo inclúe tamén documentación relativa á súa etapa como reitor da USC, ademais doutros documentos ligados á súa participación en institucións culturais galegas e estatais, o que permite reconstruír non só a súa traxectoria universitaria, senón tamén o seu papel no ámbito intelectual e cultural máis amplo.
Segundo explicou a directora do Arquivo Histórico Universitario, “o valor histórico destes documentos reside tanto na relevancia profesional e intelectual da figura que os xerou como no estreito vínculo que mantivo coa Universidade de Santiago de Compostela”. Ese vínculo remóntase á súa etapa de formación, xa que Ramón Villares cursou estudos de Historia na antiga Facultade de Filosofía e Letras da USC, onde se licenciou en 1973 e se doutorou en 1980, obtendo premio extraordinario pola tese titulada A evolución das estruturas agrarias na provincia de Lugo. Propiedade e rendas da terra, dirixida polo profesor Antonio Eiras Roel.
En 1987 foi nomeado catedrático de Historia Contemporánea e, poucos anos despois, asumiu a reitoría da USC. Ao longo da súa carreira desempeñou tamén cargos como director do Arquivo da Emigración Galega, presidente do Consello da Cultura Galega, membro da Real Academia Galega, do Padroado do Museo do Pobo Galego e do Instituto de Estudos ‘Padre Sarmiento’, ademais de exercer responsabilidades na Asociación de Historia Contemporánea e na Universidade Internacional Menéndez-Pelayo.
Para a directora do AHUS, trátase dun fondo que “abrangue a práctica totalidade das súas facetas profesionais” e que permite documentar de forma completa a súa actividade institucional, docente e investigadora. Con esta incorporación, o Arquivo Histórico Universitario amplía os seus fondos cun conxunto documental que dá conta da traxectoria dunha figura central da historiografía galega contemporánea e reforza a memoria institucional da propia Universidade de Santiago de Compostela.

