fbpx
Xacemento de As Torres / Fortalezas da Fronteira

Un gran complexo romano, unha torre medieval e unha fortaleza do XVII… Os segredos que oculta o xacemento de As Torres

Tempo de lectura: 3 min.

O xacemento de As Torres, situado na parroquia de San Miguel de Taborda, no concello de Tomiño, revelou unha traxectoria histórica moito máis complexa do que se pensaba até o de agora. A intervención arqueolóxica realizada durante o verán de 2025 permitiu confirmar que o enclave non responde unicamente a unha batería militar vinculada á fase final da Guerra da Restauração portuguesa, senón que concentra ocupacións sucesivas dende época romana até a Idade Moderna.

Os traballos desenvolvéronse no marco do proxecto Fortalezas da Fronteira, centrado no estudo do sistema defensivo histórico da raia do Miño. A actuación tiña como obxectivo caracterizar unha entidade fortificada identificada no ano 2023, para a que se manexaba como hipótese principal a súa construción en 1666 polo exército castelán, co fin de controlar o paso estratéxico dende Goián cara ao Val do Rosal e Tui, nun momento clave do conflito entre as coroas española e portuguesa.

Porén, os resultados da escavación obrigaron a reformular esa interpretación inicial. Tal e como explicaron nun encontro coa veciñanza e cos comuneiros de Taborda a arqueóloga Rebeca Blanco-Rotea, directora arqueolóxica do proxecto, e o xornalista Xurxo Salgado, os datos recollidos evidencian a existencia dunha estrutura fortificada anterior, identificada como unha posible atalaia ou torre baixomedieval.

Partíamos da hipótese dunha batería militar do século XVII, pero hoxe sabemos que a elevación contén unha estrutura anterior, vinculable a unha torre ou atalaia medieval, algo que encaixa tamén co propio topónimo do lugar”, explicou Blanco-Rotea durante a charla pública.

O material arqueolóxico recuperado está composto maioritariamente por cerámica da Baixa Idade Media, que aparece reempregada como material construtivo nas estruturas documentadas. Este feito confirma unha fase de ocupación medieval previa, sobre a que se asentaron as construcións posteriores. Xunto a este conxunto, localizáronse tamén elementos metálicos, algúns deles compatibles cunha utilización militar, o que encaixa coa reocupación do espazo durante a Idade Moderna.

A análise conxunta das estruturas e dos materiais permitiu identificar, na elevación principal, os restos dunha posible atalaia ou torre baixomedieval, unha interpretación que reforza a continuidade do topónimo “As Torres”, conservado pola tradición local.

Outro dos resultados destacados da intervención foi a identificación dunha segunda elevación próxima, na que se conserva un recinto con parapeto claramente relacionado co primeiro. Este achado permite afirmar que As Torres non funcionou como unha estrutura illada, senón como parte dun complexo defensivo articulado, adaptado e reutilizado ao longo do tempo.

Todo o conxunto aséntase, ademais, sobre unha antiga explotación mineira romana, reaproveitada como emprazamento estratéxico na Baixa Idade Media e integrada posteriormente no dispositivo defensivo da fronteira durante a Idade Moderna.

Os responsables do proxecto avanzaron que xa se traballa no deseño de futuras campañas arqueolóxicas, orientadas a definir con maior precisión as características da fortaleza medieval, comprender a organización global do complexo defensivo e avanzar na procura de documentación histórica que permita situar o enclave tanto na Baixa Idade Media como nos últimos anos da Guerra da Restauração.

Un dos obxectivos principais será determinar o papel estratéxico de Taborda e do actual concello de Tomiño nun tramo da fronteira do Miño que foi escenario de movementos militares relevantes durante o século XVII.

A intervención en As Torres forma parte do proxecto Fortalezas da Fronteira, unha iniciativa centrada na análise da evolución das fortificacións da raia do Miño ao longo do tempo. Os traballos do verán de 2025 estiveron financiados pola Xunta de Galicia, coa colaboración da Comunidade de Montes de Taborda, e foron executados pola Unidade de Arqueoloxía e o Lab2PT da Universidade do Minho, en colaboración co grupo Novos Médios da Universidade de Santiago de Compostela. A actuación contou tamén coa participación de voluntariado dun campo de traballo impulsado pola Dirección Xeral de Xuventude.

Os resultados da escavación confirman que As Torres constitúe un enclave clave para comprender a longa historia defensiva da fronteira do Miño, máis alá das interpretacións iniciais centradas unicamente no século XVII.

Pode que che interese...