Unha ducia de paneis para percorrer o pasado señorial do Castelo de Soutomaior
O Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento inaugurou esta mañá na súa sede de Santiago de Compostela, situada en San Roque, 2, a exposición ‘Os nosos castelos: Soutomaior. O Castelo e a súa liñaxe’. A mostra, de carácter itinerante, poderá visitarse ata o 28 de febreiro, de luns a venres, en horario de 10.00 a 18.00 horas, con entrada gratuíta.
A exposición está organizada polo grupo de investigación ‘Historia Social do Poder desde a Idade Media’ do IEGPS e conta co apoio da Axencia Turismo de Galicia, do Concello de Soutomaior a través da súa Concellería de Turismo e Cultura, e da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia. Con anterioridade, a mostra estivo aberta ao público no Multiusos de Arcade, en Soutomaior, entre o 11 de novembro e o 2 de decembro de 2025.
O acto inaugural contou coas intervencións de Pablo S. Otero Piñeyro Maseda, director do IEGPS; Silvia Cernadas Martínez, concelleira de Turismo e Cultura de Soutomaior; Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, profesor vinculado ad honorem ao Consejo Superior de Investigaciones Científicas e comisario da exposición; Henar Silva Puente, responsable de Divulgación do instituto; e Anxo M. Lorenzo, director xeral de Cultura da Xunta de Galicia.
Antes do inicio da visita guiada polos contidos da mostra, presentouse a páxina web de ‘Os Nosos Castelos’, un espazo dixital que recompila información sobre as exposicións promovidas polo IEGPS desde 2021. Este portal reúne datos das mostras dedicadas aos castelos de Castro Caldelas, Monforte de Lemos, O Castro de Ouro, as torres da Limia, San Paio de Narla e Soutomaior, e inclúe ademais un apartado con biografías de personaxes históricos vinculados a estas fortalezas, así como unha mediateca con acceso a fotografías e vídeos das diferentes edicións do ciclo.
A visita guiada foi conducida por Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, Miguel García Fernández e João Martins Ferreira, quen acompañaron ás persoas asistentes por unha exposición composta por máis dunha ducia de paneis. Neles abórdanse cuestións como o espazo señorial no que se insire a fortaleza, a súa evolución arquitectónica, os linaxes que se desenvolveron ao seu redor, a súa pegada documental e as composicións literarias inspiradas polo castelo.
Segundo explicaron desde a organización, o obxectivo da mostra é difundir o patrimonio histórico, documental e monumental vinculado ao Castelo de Soutomaior, adquirido en 1982 pola Deputación de Pontevedra. Con esta nova exposición, o IEGPS dá continuidade a unha liña de actuación iniciada en 2021 centrada na divulgación de castelos, torres e fortalezas de Galicia e da súa contorna xeográfica, consolidando un proxecto expositivo de carácter itinerante e divulgativo.

