A corte portuguesa en camiño a Santiago: literatura, espectáculo e peregrinación na orixe do Camiño Portugués
por David M. Sobrino Platas · 5 Feb, 2026
A profesora de literatura portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e investigadora do iLTIUS, M. Isabel Morán Cabanas, afonda nunha liña de investigación centrada na peregrinación realizada polo rei D. Manuel I de Portugal a Santiago de Compostela no outono-inverno de 1502, unha viaxe que, segundo a autora, foi decisiva na consolidación e patrimonialización do Camiño Portugués.
Os resultados deste traballo recóllense na monografía Poesia, Espetáculo e Peregrinação a Santiago de Compostela na Corte Portuguesa, publicada en 2025 pola editorial Peter Lang. Trátase dun estudo desenvolvido desde unha perspectiva multi e interdisciplinaria, que combina enfoques sociais, históricos, artísticos e literarios, cunha atención especial á literatura cortesá portuguesa de comezos do século XVI.
O punto de partida da investigación é un texto incluído no ‘Cancioneiro Geral’, compilado polo cronista rexio Garcia de Resende e impreso en Lisboa en 1516. Nesta colectánea consérvase un poema rimado composto para celebrar o regreso do monarca tras a súa peregrinación a Compostela, nunha procesión escenificada cunha imaxe do Apóstolo Santiago sobre un carro, acompañada de músicos e voces cantadas. A análise deste texto permite reconstruír o contexto escenográfico e performativo da homenaxe ao rei peregrino.
A orixe da obra está vinculada ao proxecto de investigación ‘Peregrinación a Compostela na orixe do teatro portugués: a carruaxe do Apóstolo Santiago e o rei D. Manuel en escena perante a Corte portuguesa’ (2021), financiado pola Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da USC. A monografía supón, segundo explica Morán Cabanas, a primeira aproximación detallada á visita de D. Manuel I ao sepulcro do Apóstolo, abordando cuestións como os motivos da viaxe, o itinerario, a comitiva e o seu impacto simbólico.
O estudo establece tamén a relación entre a peregrinación xacobea e o imaxinario das viaxes ultramarinas portuguesas, nun contexto marcado polas expedicións á India, unha das cales tivo lugar no mesmo ano de 1502. A autora identifica a presenza do Apóstolo Santiago en diversos espectáculos cortesáns, incluídas festas matrimoniais luso-castelás e celebracións do Nadal, así como novas referencias literarias nas que o santo aparece como mediador amoroso, en diálogo coa tradición lírica galego-portuguesa manuscrita.
Un dos aspectos destacados da obra é o estudo do grupo de nobres peregrinos-poetas que acompañaron o rei. Segundo Morán Cabanas, “por primeira vez na tradición dos estudos xacobeos profúndase no estudo deste grupo, identificando todos os seus membros cos seus títulos, funcións, conexións sociais e producións literarias”, entre eles un irmán de leite do propio monarca.
A investigación reconstrúe igualmente o itinerario da peregrinación, prestando atención ás súas pegadas no patrimonio material e inmaterial tanto no tramo portugués, entre Lisboa e Valença do Minho, como no galego, de Tui a Compostela. Entre as achegas inéditas, o estudo analiza o significado do agasallo dunha lámpada de prata ofrecida por D. Manuel I á Catedral de Santiago e recupera novos espazos lisboetas vinculados á viaxe, como Santos-o-Velho.
Finalmente, a obra revisa a proxección contemporánea do poema cortesán que celebra o regreso do rei peregrino, destacando a súa reutilización en experiencias neotrobadorescas en Galiza e América e na serie documental e teatral producida por Radio Televisión Española en 1971, con motivo do Ano Santo, cuxo roteiro foi encargado a Antonio Gala. O conxunto do estudo contribúe a ampliar o coñecemento sobre a dimensión cultural, literaria e simbólica das peregrinacións xacobeas na Europa moderna.
Temas: Camiño de Santiagocamiño portuguésiLTIUSliteraturaPortugalUSC

