As esculturas de Carboeiro regresan a Galicia tras máis de catro décadas en Barcelona
A Xunta de Galicia anunciou a exhibición no Museo das Peregrinacións e de Santiago de dúas esculturas medievais procedentes do Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, que ata o de agora permanecían no Museu Frederic Marès. O traslado prodúcese ao abeiro dun préstamo de longa duración acordado entre a Administración autonómica e o Ajuntament de Barcelona, titular do museo catalán.
O anuncio foi realizado polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, quen cualificou o acto como “un momento histórico no que demostramos que cumprimos coa palabra dada de poñer a disposición de todos os galegos e galegas estas dúas pezas”. A presentación contou tamén coa presenza do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, así como de representantes institucionais e responsables dos museos implicados.
Segundo detallou o responsable autonómico, o acordo establece a cesión das esculturas por un período inicial de dez anos, ampliables por outro período similar. As pezas foron adquiridas en 1980 polo museo barcelonés a un coleccionista privado, polo que a súa titularidade corresponde actualmente á cidade de Barcelona.
López Campos explicou que a exhibición permanente en Santiago responde ás condicións recollidas no comodato, que obriga a garantir “os mesmos criterios de seguridade, conservación, custodia e exposición que teñen no Museu Frederic Marès”. As esculturas, que formaban parte do tímpano principal da portada occidental do mosteiro de Carboeiro, pasan así a integrarse no discurso expositivo do museo compostelán.
O concelleiro de Cultura e Industrias Creativas do Ajuntament de Barcelona, Xavier Marcé, sinalou que o préstamo “responde a un acordo entre dúas administracións públicas baixo o principio de lealdade institucional”. Engadiu que desde o inicio existiu vontade de alcanzar unha solución compartida que permitise que as pezas “se amosen nun museo de titularidade pública en Galicia, ao alcance da cidadanía, en condicións de conservación e seguridade axeitadas”.
Tres anos de xestión
O conselleiro de Cultura lembrou que a Xunta iniciara hai tres anos as xestións e contactos necesarios para posibilitar o retorno das tallas. “Desde aquela non desistimos na posibilidade de que as pezas regresasen a Galicia nin no noso compromiso co patrimonio galego”, afirmou.
No acto tamén se puxo en valor o traballo do historiador Francisco Prado-Vilar, cuxas investigacións achegaron documentación considerada clave para reconstruír a traxectoria das esculturas e fundamentar as negociacións. O conselleiro referiuse á súa “importante contribución” para coñecer a historia das pezas e facilitar que poidan exhibirse agora nun museo galego.
O Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, situado no municipio de Silleda, constitúe un dos exemplos máis representativos do románico en Galicia. As esculturas recuperadas integraban o conxunto ornamental da súa fachada occidental e son consideradas elementos relevantes dentro da configuración iconográfica do templo.

