Bexo devolve á vida o Burro de Antroido setenta anos despois grazas á memoria da veciñanza
A aldea de Bexo, no municipio de Dodro, volveu celebrar este sábado unha das súas expresións festivas máis singulares: o Burro de Antroido, unha figura que non saía ás rúas desde hai máis de setenta anos. A recuperación foi posible grazas a un proceso de recollida de testemuñas entre a xente maior da aldea, que achegou información detallada sobre a súa elaboración e desenvolvemento.
Segundo os relatos transmitidos pola veciñanza, o Burro saía tradicionalmente da coñecida como casa de Manolo o Manco, onde o propietario se encargaba de confeccionar o personaxe. Representaba un burro que percorría as rúas bailando e que, cun vimbio, trataba de alcanzar tanto a maiores como a pequenos, nun xesto festivo propio do espírito do Entroido.
O animal está construído con estrutura de madeira e cartón, que conforman a cabeza e o corpo, e vai adornado con flores de mimosa e un colar de laranxas. No seu interior introdúcese un veciño encargado de darlle movemento e vida ao conxunto. Acompañan ao Burro os chamados “choqueiros”, figura habitual na contorna, caracterizada polo uso de roupa vella e chamativa, combinacións fóra de contexto —como homes vestidos de mulleres, camisóns ou roupa interior á vista— e distintos elementos para ocultar a identidade, desde caretas de cartón e panos ata fariña ou tizón na cara.
No marco do Entroido, entendido como a celebración na que “todo se volve do revés”, o burro —animal tradicionalmente asociado ao traballo humilde— convértese en protagonista e instrumento simbólico de inversión das xerarquías. A súa presenza nas rúas actúa como elemento central dunha festa baseada na transgresión e na participación colectiva.
A saída do Burro materializouse nunha especie de “choqueirada” itinerante, denominada “a comitiva do burro”, que percorreu as principais rúas da aldea acompañada polos gaiteiros da Foliada do Montiño. Durante o percorrido, o Burro fixo paradas especiais nas casas das informantes de máis idade, co obxectivo de que puidesen valorar o resultado da recreación e compartir a súa impresión sobre o aspecto e comportamento do personaxe.
A xornada concluíu cunha foliada e filloada na casa vella dos de Rosende, onde participaron tanto veciños como visitantes. A celebración prolongouse ata ben entrada a noite, consolidando o regreso dunha tradición que permanecía interrompida desde mediados do século XX.
A recuperación do Burro de Antroido foi impulsada pola Comisión de Festas de Bexo, que destacou o papel fundamental das persoas maiores na transmisión da memoria. Entre as informantes citadas figuran Divina de Chan de Currais, Rosaura, José de Casal, Carme de Vilar, Marcelina e Moncha de Lamelas, ás que a organización trasladou o seu agradecemento, extensivo tamén ás persoas que colaboraron na construción da nova figura.

