‘Debuxar coa luz’ percorre seis décadas de fotografía en Pontevedra entre 1843 e 1900
O Museo de Pontevedra inaugurou a exposición ‘Debuxar coa luz. A fotografía en Pontevedra no século XIX’, unha mostra que poderá visitarse no Edificio Castelao ata o 5 de abril de 2026. Comisariada por Cristina Echave Durán e Reis Camiña Castro, a proposta ofrece un percorrido polo nacemento e consolidación da fotografía na cidade entre 1843 e 1900, nun contexto de profundas transformacións sociais e urbanísticas.
A exposición reúne preto de 300 fotografías, maioritariamente orixinais do século XIX, xunto con máis dun cento de obxectos e pezas de mobiliario vinculadas aos inicios do medio. O conxunto permite seguir a evolución técnica e estética desde os primeiros daguerrotipos, ambrotipos e talbotipos ata a irrupción da prensa ilustrada, pasando pola popularización da ‘carte de visite’, que converteu o retrato nun ben accesible e coleccionable para amplos sectores da sociedade.
Un dos eixos centrais é o retrato, ámbito no que a fotografía asumiu o relevo da miniatura pictórica. Moitas e moitos artistas cambiaron o pincel pola cámara, coidando iluminación, pose e decorado para preservar a identidade e o carácter das persoas retratadas. A mostra inclúe pezas singulares, como talbotipos de Andrés Cisneros e Manuel Ricaud, obras de especial valor pola súa rareza e escasa conservación.
A partir de mediados do século XIX, Pontevedra recibiu fotógrafos itinerantes que contribuíron á profesionalización do oficio e á difusión masiva da imaxe persoal. Nomes como J. Martínez, os irmáns Guiard, Manuel Antonio Vales, Alonso Montenegro, Evaristo López ou Ramón Buch conviven cos primeiros profesionais locais, entre eles Vicente del Villar Cousiño. Desde 1870, as melloras técnicas favoreceron o asentamento de novos estudos e a presenza de autoras e autores foráneos e locais, como Patricio Bocconi, Eliseo Segond, Francisco Prieto, José Gutiérrez, Carlos Fuentes, Alfredo Estoup, Juan Caramés, Adolfo Vázquez, Joaquín Pintos e Generosa Carballo Silva, unha das primeiras pontevedresas dedicadas á fotografía.
Outro dos piares do percorrido é a cidade retratada. As cámaras saíron do estudo para documentar rúas, prazas e paisaxes, asumindo funcións próximas á reportaxe gráfica. Entre as imaxes máis antigas consérvase unha vista da praza de Tetuán, datada arredor de 1859, considerada a fotografía máis antiga coñecida de Pontevedra. Neste ámbito destaca Francisco Zagala, autor da serie ‘Pontevedra Artística e Pintoresca’ e do álbum ‘Recordo de Pontevedra’ (1883), o primeiro do seu xénero realizado en Galicia, que combina rigor documental e sensibilidade estética.
A mostra aborda tamén o uso da fotografía na ciencia e no estudo do patrimonio. A Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra empregou a cámara como ferramenta de documentación e divulgación, mentres que no eido médico profesionais como Cobián Areal e Celestino Poza incorporaron a imaxe á observación, o diagnóstico e o ensino. O percorrido complétase coa chegada de fotógrafos estranxeiros, entre eles Hubert Vaffier, e coa consolidación da prensa ilustrada local, onde sobresaíu Enrique Labarta, pioneiro en Galicia no uso informativo e publicitario da fotografía.
Durante a presentación, o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, fixo un chamamento á cidadanía: “si tú eres de Pontevedra tienes que venir a ver esta exposición porque vas a conocer una vertiente diferente de nuestra ciudad, tanto arquitectónica como social”. Pola súa banda, a directora do museo, Ángeles Tilve Jar, subliñou o valor investigador do proxecto e afirmou: “el Museo no es solo un lugar de exhibición y detrás de todos los proyectos tiene que haber un enorme trabajo de investigación”, destacando o labor das comisarias.
Ademais do percorrido expositivo, ‘Debuxar coa luz’ inclúe un programa de actividades complementarias. O equipo de Educación do Museo realizará visitas guiadas semanais, os xoves ás 18.00 horas e os domingos ás 12.00, cunha duración aproximada dunha hora e aforo limitado a 20 persoas, para as que é preciso inscrición previa a través da web do museo. En febreiro está previsto un obradoiro de colaxes animadas con técnica de stop motion dirixido a público a partir de 8 anos, e en marzo celebrarase unha xornada técnica sobre arquivos gráficos e museos, centrada na adquisición, conservación e difusión da fotografía.

