fbpx
Parte da Muralla de Lugo derrubada / EP

Derrúbase parte da Muralla de Lugo tras as fortes choivas e ventos desta pasada noite

Tempo de lectura: < 1 min.

Unha parte do lenzo interior da Muralla de Lugo, situada na rúa do Moucho, próxima á Catedral, derrubouse na noite do sábado sen que se rexistrasen danos persoais. O suceso produciuse arredor das 23.30 horas nun espazo interior do monumento, nunha zona restaurada no século XIX, e non na fábrica romana orixinal.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, desprazouse até o lugar pouco despois de coñecerse o episodio e sinalou a climatoloxía adversa dos últimos días como posible causa. “Parece ser, como todos podemos sospeitar, que é debido á climatoloxía”, indicou. De inmediato, o Concello activou medidas preventivas, coa perimetración do ámbito afectado e a presenza de axentes da Policía Local para garantir a seguridade.

Desde o punto do incidente, o rexedor puxo a disposición a colaboración municipal coa Xunta de Galicia, administración con competencias en patrimonio. Está prevista a visita do conselleiro de Cultura, José López Campos, para avaliar in situ o estado do lenzo e coordinar as actuacións necesarias.

O arqueólogo municipal, Enrique González, explicou que este tipo de derrubes son máis habituais en áreas reformadas, onde a filtración da auga pode afectar ao recheo interior de pedra e cascallo. “Loxicamente é moita auga a que leva caído nestes días e, até certo punto, é normal porque non é a parte orixinal romana. Esa, como está concibida, é moi difícil que caia”, precisou.

O especialista lembrou que existe un plan director que avalia e supervisa a muralla de maneira continuada, co obxectivo de garantir a seguridade do conxunto. Segundo indicou, este seguimento permite identificar e controlar as zonas restauradas, diferenciándoas da estrutura romana, que non se viu afectada polo episodio rexistrado.