fbpx
Exposición das cubertas de Galaxia / Adrián Irago - Editoarial Galaxia

Do galeguismo da ditadura á actualidade: así evolucionaron as cubertas de Galaxia

Tempo de lectura: 2 min.

O MARCO (Museo de Arte Contemporánea de Vigo) acolle ata o 17 de maio de 2026 a exposición ‘Un país ilustrado. As cubertas de Galaxia’, unha mostra que revisa a evolución gráfica da editorial galega ao longo dos seus 75 anos de traxectoria. A proposta, instalada na Galería B1 do primeiro andar e con entrada libre, pecha o programa conmemorativo do aniversario da editorial.

Comisariada por Xurxo Martínez González, coa coordinación e deseño de Hayat Husein, e producida polo propio museo coa colaboración de Editorial Galaxia e da Fundación Penzol, a exposición propón un percorrido cronolóxico e temático polas cubertas dos libros publicados desde 1950 ata hoxe.

A mostra arrinca cunha contextualización da fundación de Galaxia no ano 1950, nun momento marcado pola ditadura franquista e pola detención de dirixentes galeguistas. A editorial naceu como iniciativa vinculada ao galeguismo político, coa intención de promover a cultura e a lingua galega a través da edición de libros.

Vigo converteuse no centro de operacións dun proxecto impulsado por figuras como Francisco Fernández del Riego, Ramón Piñeiro, Xohán Ledo e, de maneira destacada, Xaime Isla Couto, a quen a exposición dedica unha atención específica polo seu papel pouco coñecido no ámbito do deseño editorial.

Segundo se explica no percorrido expositivo, “interesa reparar na capa dos libros”, xa que constitúe o primeiro contacto do público coa obra literaria. A mostra incide así na idea de que o deseño gráfico non é un elemento accesorio, senón parte fundamental da construción da identidade cultural.

Catro etapas, catro olladas

O eixo central da exposición organízase arredor dos catro principais deseñadores de cubertas de Galaxia ao longo da súa historia: Xohán Ledo (1950-1979), Francisco Mantecón (1979-1985), Manuel Janeiro (1979-2010) e Hayat Husein (2010-actualidade).

Cada sección responde a unha etapa diferenciada no desenvolvemento estético da editorial, reflectindo tanto os cambios nos códigos gráficos como as transformacións do contexto social e cultural galego.

A selección das obras expostas responde a criterios específicos dentro de cada bloque: as primeiras coleccións da editorial, os títulos publicados nos inicios da autonomía, libros premiados ou volumes que acadaron especial difusión nos últimos anos.

Ao fondo da sala inclúese unha escolma de obras pictóricas que exemplifican como Galaxia incorporou detalles de cadros ás súas cubertas, establecendo unha relación directa entre artes plásticas e edición literaria. Tamén se habilitou un espazo dedicado aos pintores vinculados á editorial, ben por participar na ilustración interior e exterior dos libros, ben por formar parte dunha colección de arte nova promovida pola propia Galaxia.

Un espazo para a literatura infantil

O proxecto expositivo incorpora ademais unha área centrada na literatura infantil e xuvenil, concibida como punto intermedio entre sala de exposición e espazo de experimentación. Nela poden verse exemplares dos primeiros libros infantoxuvenís en galego publicados pola editorial, xunto con títulos actuais e versións de clásicos.

A proposta subliña así a continuidade dun catálogo que abrangue autorías consolidadas e novas voces literarias, evidenciando o papel de Galaxia como axente cultural de referencia ao longo de distintas xeracións.

A exposición convida a deterse na dimensión simbólica da capa do libro, entendida como “o primeiro contacto do público cunha obra”. O deseño convértese deste xeito nun exercicio de interpretación visual, nunha maneira de “pintar o rostro a un texto literario”.

Pode que che interese...