Máis de 370 pezas revelan 150 anos de historia postal en Lugo nunha mostra inédita
O Museo Provincial de Lugo abriu ao público a exposición ‘Historia postal de Lugo. S. XVIII-XX’, unha proposta que percorre máis de século e medio de actividade postal na cidade e na súa contorna a través dunha ampla selección documental. A mostra reúne máis de 370 pezas procedentes da colección particular de Andrés García Pascual, quen leva anos recompilando materiais vinculados á evolución do servizo de correos na provincia.
A inauguración contou coa participación da deputada de Cultura da Deputación de Lugo, Iria Castro, que realizou unha visita guiada xunto ao propio coleccionista. Durante o percorrido, García Pascual detívose en varios documentos que cualificou como especialmente significativos, entre eles a primeira marca filatélica na que aparece a inicial “L”, datada en 1970, e unha peza de 1799 na que figura por vez primeira o nome completo de Lugo nunha marca postal.
A responsable provincial salientou o traballo desenvolvido polo coleccionista, destacando o seu rigor investigador e a continuidade dun labor que serve de base para esta iniciativa expositiva. Así mesmo, lembrou que o proxecto comezou a tomar forma o pasado mes de decembro, cando no mesmo Refectorio se presentaron un selo e unha tarxeta postal conmemorativos vinculados ao Museo da Migración da Rede Museística Provincial.
A exposición estrutúrase en catro grandes apartados temáticos, que permiten seguir a transformación do sistema postal desde o século XVIII ata o XX.
O primeiro bloque aborda a Historia postal da Administración Principal de Correos de Lugo nos séculos XVIII e XIX, reunindo as marcas utilizadas nas localidades que dependían daquela oficina principal. Inclúense tamén referencias a territorios das antigas provincias de Lugo, Mondoñedo e Betanzos, o que permite contextualizar a rede administrativa e os fluxos de correspondencia nun ámbito máis amplo.
O segundo espazo céntrase nas carterías da provincia de Lugo entre os séculos XIX e XX, cunha recompilación das marcas empregadas polas distintas oficinas distribuídas polo territorio. Este apartado permite observar a expansión e diversificación do servizo postal ao longo do tempo.
No terceiro bloque analízase a historia postal da cidade de Lugo nos séculos XVIII e XIX, a través de cartas que incorporan as marcas da Administración Principal durante aproximadamente cento cincuenta anos. Estes documentos permiten reconstruír itinerarios, sistemas de franqueo e dinámicas organizativas do servizo.
Finalmente, o cuarto apartado detense en dous episodios históricos concretos: a Guerra da Independencia e a intervención dos “100.000 Fillos de San Luís”. A través de cartas, documentos e gravados, a mostra evidencia a relevancia estratéxica de Lugo nestes conflitos e o impacto que tiveron na circulación da correspondencia.
O percorrido complétase con tres vitrinas que albergan arredor de 130 caixas para selos dos séculos XIX e XX, así como cunha selección bibliográfica especializada procedente tamén da colección persoal de Andrés García Pascual. Este material amplía o contexto histórico e técnico da filatelia e do funcionamento do sistema postal.
A exposición pode visitarse no Refectorio do Museo Provincial de Lugo ata o 22 de marzo, ofrecendo ao público unha aproximación documental á evolución das comunicacións escritas e á organización do servizo de correos na provincia ao longo de máis de cento cincuenta anos.

