fbpx
Arquivo - O historiador Marco Armiero / USC

Marco Armiero liderará na USC un proxecto internacional sobre ecoloxismo e catolicismo

Tempo de lectura: 2 min.

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) converterase nun dos focos internacionais da investigación en historia ambiental grazas ao proxecto CATCH, liderado polo historiador italiano Marco Armiero. A iniciativa foi distinguida cunha ERC Advanced Grant, unha das axudas máis competitivas do European Research Council, dotada con 2,5 millóns de euros e reservada a investigadores cunha traxectoria consolidada.

O proxecto ten como obxectivo principal analizar as raíces, puntos de inflexión e friccións nas relacións entre a Igrexa Católica e o ambientalismo, desde a década de 1960 ata o pontificado de Papa Francisco. A investigación abordará a Igrexa non só como institución relixiosa, senón como actor global con capacidade de influencia na gobernanza ambiental internacional.

Segundo sinala Marco Armiero, unha institución con máis de mil millóns de fieis en todo o mundo “pode desempeñar un papel de primeira orde á hora de afrontar a crise ambiental á que nos enfrontamos”. O investigador subliña que “é un gran erro imaxinar que só os datos científicos poden impulsar as persoas cara ao cambio”.

Partindo da idea de que as grandes mobilizacións sociais da historia estiveron vinculadas á capacidade de construír relatos que interpelasen ás conciencias, CATCH quere comprender como a Igrexa Católica participou —ou resistiu— os discursos ecoloxistas contemporáneos. Armiero lembra que, durante décadas, a tradición xudeocristiá foi sinalada como unha das responsables ideolóxicas da crise ecolóxica. Con todo, apunta que “o papa Francisco representou un punto de inflexión, converténdose nunha figura destacada do ecoloxismo global”.

O proxecto estrutúrase arredor de dous grandes eixos. Por unha banda, analizará as intervencións da Igrexa Católica nos espazos centrais de decisión internacional, desde o Vaticano ata as conferencias das Nacións Unidas e outras plataformas multilaterais. O propósito é comprender o seu papel na configuración das políticas ambientais globais.

Por outra banda, CATCH adoptará unha metodoloxía de estudos de caso para examinar como diferentes comunidades e ramas locais da Igrexa incorporaron o ambientalismo nas súas prácticas e discursos. Entre os exemplos que se estudarán figuran a teoloxía da liberación en América Latina, o movemento antimilitarista en Estados Unidos, os scouts católicos italianos, as comunidades cristiás de base en Filipinas ou o compromiso da Igrexa surafricana nas loitas contra o apartheid e pola xustiza ambiental.

A análise destas experiencias permitirá identificar patróns internos, conexións transnacionais e consecuencias materiais das relacións entre relixión e ecoloxismo. Ademais, o proxecto examinará as friccións existentes entre as posicións dominantes da Igrexa e os movementos ambientalistas emerxentes, entendendo estas tensións como factores que condicionan tanto a resistencia como o compromiso ecolóxico.

Marco Armiero incorporouse á USC o pasado 1 de xaneiro, procedente da Universidade Autónoma de Barcelona. O investigador considera que Santiago de Compostela ofrece un contexto singular para desenvolver esta liña de traballo. “Santiago de Compostela non podería ser un lugar máis adecuado para unha investigación sobre a Igrexa Católica e o medio ambiente. É unha cidade inmersa desde hai séculos nunha historia que mestura paisaxe e espiritualidade, e que aínda hoxe impulsa a miles de persoas a poñerse en camiño”, explica.

O proxecto desenvolverase no seo do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), onde Armiero pretende crear un Radical Environmental Humanities Hub coa vocación de converterse nun polo internacional de referencia neste ámbito.

Arquivos, memoria oral e participación cidadá

A metodoloxía de CATCH combinará traballo arquivístico, etnografía e historia oral para reconstruír as relacións entre a Igrexa Católica e o ambientalismo ao longo das últimas décadas. Ademais, o proxecto contempla a posta en marcha dunha iniciativa de citizen humanities, coa intención de implicar á cidadanía na recompilación de materiais inéditos sobre esta temática.