Non só reis e leis: quen decidía sobre a vida e a morte na Galicia medieval?
A aplicación da pena de morte na Galicia medieval afastouse moito da imaxe dun sistema xudicial centralizado e plenamente controlado polo poder real. Así o sostén o historiador Abel de Lorenzo Rodríguez, investigador da Facultade de Historia e do Instituto de Investigación de Humanidades da USC, autor do libro La horca y el fuego. Una historia social de la pena de muerte en Hispania (700-1200), recentemente publicado pola editorial Comares.
O estudo abrangue un período amplo, entre os séculos VIII e XII, aínda que a maior concentración de información documental se sitúa nos séculos finais. “No século VIII existe un gran silencio documental”, explica o investigador, que relaciona esta ausencia coa crise posterior ao final do reino visigodo e coa lenta formación de novos centros de poder. É a partir do século X cando, especialmente dende os mosteiros, comeza a xurdir unha documentación máis abondosa, interesada en rexistrar propiedades, conflitos e tamén aspectos da vida xudicial.
Romper coa ‘lenda rosa’ da Alta Idade Media
Un dos puntos de partida da investigación é cuestionar a visión tradicional da Alta Idade Media como unha etapa de menor violencia legal. Segundo Lorenzo, esa percepción responde máis á falta de estudos ca á realidade histórica. “Había unha especie de lenda rosa sobre este período”, sinala, fronte a unha Baixa Idade Media máis asociada á represión e á crueldade institucional.
O traballo céntrase na xustiza penal cotiá, non só nas normas legais, senón na súa aplicación real. “A historia legal por si soa ten moitos límites para entender a vida auténtica”, apunta, reivindicando unha aproximación social que permita observar como actuaba o poder sobre os corpos das persoas condenadas.
Lonxe do monopolio estatal da violencia propio de épocas posteriores, a autoridade para executar penas capitais na Galicia medieval estaba descentralizada. “Non está monopolizada na figura do soberano”, explica o historiador, senón que responde a intereses e poderes locais, propios dunha sociedade feudal na que a impartición de xustiza formaba parte da soberanía territorial.
As execucións podían producirse tanto en núcleos urbanos emerxentes como en contornas rurais, o que obriga a revisar a idea da pena de morte como unha ferramenta exclusiva do Estado. “Temos que adaptar esa idea ao que sucede no século XI ou XII”, subliña.
Quen acababa no patíbulo?
A investigación desmonta tamén a asociación automática entre pena de morte e crimes de sangue. A documentación revela unha realidade máis complexa. “A maior parte das persoas executadas non son homicidas”, afirma De Lorenzo, senón ladróns, especialmente reincidentes.
Un factor clave era a capacidade económica. Moitas condenas derivaban da imposibilidade de pagar unha compensación polos danos causados. Cando non había bens que intercambiar, o corpo convertíase na moeda de pago. Estas persoas, ao non deixar rexistros patrimoniais, adoitan aparecer só de maneira indirecta na documentación, a través da memoria colectiva ou de referencias laterais.
A pena de morte funcionaba tamén como mensaxe pública, e por iso o método de execución non era aleatorio. “A xustiza escolle un medio”, explica o historiador, nun proceso intencional e programado. A forma de matar transmitía significados ligados á identidade relixiosa, social ou de xénero.
O estudo documenta, por exemplo, a lapidación como un castigo asociado ás comunidades xudías, que gozaban dunha certa autonomía xurisdicional. Noutros casos, mulleres vinculadas a conflitos relixiosos ou sexuais eran ameazadas ou executadas mediante o lume. Non existía, con todo, unha correspondencia fixa entre delito e castigo, senón unha lóxica contextual e simbólica.
Galicia, un territorio avanzado na documentación penal
Aínda que non se pode falar de castigos exclusivos de Galicia, o territorio destaca pola precocidade dalgunhas referencias. As primeiras sancións documentais que mencionan explicitamente a forca aparecen en documentos outorgados pola raíña Urraca na segunda década do século XII, en dous puntos distintos do país.
Estas referencias coinciden con representacións escultóricas da Catedral de Santiago, como o coñecido capitel do castigo de avaro. A finais do século XII xa se documentan execucións de persoas particulares mediante aforcamento. Segundo De Lorenzo, isto pode estar relacionado coa influencia franca e coa presenza dun poder real forte ou disputado en Galicia.
Especialmente excepcional é o caso dunha execución por afogamento no mar, documentada en 1220, a primeira coñecida na Península Ibérica. A rareza do castigo fixo que permanecese viva na memoria colectiva durante décadas, do mesmo xeito que ocorreu cos primeiros aforcamentos, lembrados como acontecementos que marcaban un “antes e un despois” na vida das comunidades.
Dende unha perspectiva historiográfica, o libro reivindica a necesidade de volver á historia social, fronte ao predominio dos grandes relatos centrados nas elites. “Non podemos esquecer que se hai un reino, hai xente que vive nel”, defende De Lorenzo.
O seu traballo pon o foco en persoas que non podían facer fronte á xustiza, que non podían pagar pola súa vida e que “pagaban co seu corpo”. A execución non afectaba só ao condenado, senón ás súas familias e á comunidade enteira. “As repercusións sempre son colectivas”, conclúe, lembrando que para quen presenciaba esas mortes, a vida xa non volvía ser a mesma.

