fbpx
Centro Recreativo União do Rio Tea / CCG

O Arquivo da Emigración Galega pon na rede os fondos do Centro Recreativo União do Rio Tea

Tempo de lectura: 2 min.

O Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) vén de publicar en liña a documentación custodiada sobre o Centro Recreativo União do Rio Tea, unha das institucións asociativas da diáspora galega no estado de Bahía (Brasil). A iniciativa enmárcase no proxecto “Memoria documental das sociedades da emigración galega”, posto en marcha polo AEG en 2024 co obxectivo de facer accesibles fondos sociais e institucionais de diferentes entidades creadas pola emigración galega e facilitar así a súa consulta e preservación.

O Centro Recreativo União do Rio Tea foi constituído en 1974 por un grupo de 43 persoas procedentes de Puenteareas e dos seus arredores, que decidiron comprar un terreo e fundar a entidade. Así o explicou o seu primeiro presidente, Julio Ucha, quen relatou que a reunión fundacional tivo lugar “en un rancho meu, baixo uns árbores que nos recordaban as carballeiras da nosa terra”. Dende entón, a institución desenvolveu ao longo das décadas unha ampla actividade social e cultural para a comunidade galega asentada na rexión.

A documentación agora dispoñible na rede inclúe libros de actas das reunións das xuntas directivas, modelos de proposta de socios e fichas de inscrición, así como fotografías históricas que permiten reconstruír a organización e evolución da vida interna do club desde os seus primeiros anos. Estes materiais forman parte dos fondos do AEG destinados a sociedades fundadas por emigrantes galegos e accesibles a investigadores e público xeral.

Ao longo da súa traxectoria, o centro desenvolveu tamén actividades culturais de raíz galega. Contou co seu propio grupo folclórico denominado ‘Coral Airiños do Tea’ e con agrupacións de baile galego, e segue promovendo o baile e a música tradicional a través de formacións como Caballeros de Santiago, As Meigas, Os Celtas ou a Escola de Dança Arte e Cultura Galega e Espanhola (EDACE). Ademais, a entidade celebra cada ano a festa de Nossa Senhora dos Remédios, que inclúe oficio relixioso, comida e programación deportiva e cultural.

O proxecto “Memoria documental das sociedades da emigración galega” ten periodicidade mensual e publica na rede cada mes os documentos xerados por diferentes asociacións microterritoriais da diáspora galega, entre os que figuran libros de actas, correspondencia, memorias sociais e contabilidade, coa meta de contribuír á súa preservación e difusión. Xunto aos materiais do Centro Recreativo União do Rio Tea, outras sociedades recentemente incorporadas ao proxecto inclúen entidades como Alianza Céltigos, Progreso de Lanzós ou a Casa de Galicia, entre outras

Pode que che interese...