O Instituto de Estudos Vigueses presenta unha investigación sobre templos, crecemento urbano e modernidade
O Instituto de Estudos Vigueses presentará o vindeiro xoves 26 de febreiro o libro Arquitectura religiosa y desarrollo urbano Vigo s.XX, da investigadora Marta Vilas, nun acto aberto ao público que terá lugar ás 19:30 no salón de actos da Delegación de Vigo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, situada na rúa Doutor Cadaval, 5.
A publicación propón unha análise detallada da relación entre a arquitectura relixiosa e a transformación urbanística de Vigo ao longo do século XX. O estudo aborda como a estrutura parroquial católica, tradicionalmente vinculada á organización territorial galega, foi modificándose para responder ao crecemento demográfico e á expansión da cidade. A evolución dos barrios, a aparición de novos núcleos residenciais e os cambios na planificación urbana tiveron un impacto directo na creación, reorganización e adaptación das parroquias viguesas.
O traballo examina tamén o peso das políticas urbanísticas e das transformacións internas da Igrexa na configuración dos templos e centros parroquiais. Neste contexto, sublíñase a incidencia de procesos como o Concilio Vaticano II, que introduciu cambios litúrxicos e organizativos que se reflectiron na concepción espacial e formal das novas edificacións relixiosas.
A autora pon o foco na contribución de distintos arquitectos locais que participaron na construción destes espazos ao longo do século pasado. Segundo se destaca na investigación, moitas destas intervencións quedaron nun segundo plano dentro da historiografía arquitectónica, pese ao seu papel na incorporación progresiva das linguaxes modernas á paisaxe urbana viguesa. As igrexas e centros parroquiais construídos durante o século XX constitúen, así, testemuños da adaptación da cidade ás dinámicas sociais, demográficas e culturais do seu tempo.
A presentación está organizada polo Instituto de Estudos Vigueses e contará cun acceso libre ata completar aforo, aínda que será necesaria inscrición previa para o control do acto a través da ligazón habilitada pola organización.

