Un documento de 1558 revela seis fortalezas medievais desaparecidas no Val Miñor
Un documento remitido en 1558 polo señor de Gondomar, García Sarmiento, ao rei Felipe II coa petición de levantar unha nova fortaleza no territorio do Val Miñor converteuse, máis de catro séculos despois, nunha peza clave para reconstruír o pasado medieval da comarca. O texto, conservado na Sección Nobreza do Arquivo Histórico Nacional, serviu ao historiador Rodrigo Pousa Diéguez, integrante do grupo ANTE da Universidade de Santiago de Compostela, para localizar seis fortalezas desaparecidas que estiveron activas entre os séculos XII e XIII.
No seu escrito ao monarca, García Sarmiento argumentaba que a comarca precisaba unha nova fortaleza debido ao risco de invasión francesa e á proximidade con Portugal. Porén, segundo explica o investigador, esa xustificación respondía a un obxectivo distinto: obter autorización real para establecer a súa propia residencia señorial.
O interese histórico do documento radica noutra cuestión. Tal e como sinala Pousa Diéguez, “foi unha sorpresa atopar esta información. O interese deste documento é que permite ubicar estas fortalezas”. A referencia explícita a distintas torres e castelos posibilitou identificar seis enclaves medievais hoxe desaparecidos.
As construcións localizadas son o Castelo de Santa Helena, o Castelo de Morgadáns, a Torre Vella de Vincios, o Castelo da Trindade, a Torre de Martín e a Torre Miñor.
No caso de Santa Helena, trátase do enclave mellor coñecido. Localízase no Coto de Outeiro dos Mouros, no actual Monte Castelo, un topónimo que xa apuntaba á existencia dunha antiga fortificación. Segundo detalla o historiador, “no século XII e XIII documentamos os castelos de Santa Helena e de Morgadáns. Pertencen á tenencia do territorio de Toroño e cara o reinado de Afonso X estes quedan en mans do Adiantado Maior de Galicia”. A súa desaparición produciuse posteriormente, ben nos conflitos sucesorios entre Pedro I e Henrique de Trastámara ou por abandono progresivo. O documento de 1558 permite situar Santa Helena na freguesía de Parada.
A localización exacta do Castelo de Morgadáns continúa aberta á investigación. A abundancia de posibles emprazamentos dificulta a súa identificación definitiva. Pousa Diéguez apunta como hipótese o monte do Galiñeiro, en Chaín, polo seu control sobre un acceso estratéxico ao Val da Louriña cara ao Porriño, ou ben o Monte Aloia, onde existen vestixios castrexos e outro punto máis ao sur co topónimo Castelo.
A Torre Vella de Vincios, situada no lugar coñecido como A Torre, volve amosar a importancia da toponimia como fonte histórica. O investigador indica que se atribúe á familia dos Churruchaos e considera que “sería interesante” promover intervencións que permitan localizar restos materiais ou determinar con maior precisión o seu emprazamento.
Tamén en Gondomar, ao longo do antigo camiño real que conectaba a vila con Tui, situábanse a Torre Miñor e a Torre Martín. O documento do señor de Gondomar describía ambas como localizadas nun “castro junto al camino real que va a Baiona”. Pola súa banda, o Castelo da Trindade aparece mencionado no texto sen referencias concretas, o que leva o historiador a suxerir posibles localizacións en Camos ou en Chaín.
Torres máis que castelos
A investigación permite tamén matizar a imaxe habitual destas construcións. Lonxe da idea de grandes fortalezas amuralladas, as do Val Miñor eran, na súa maioría, pequenas torres. “Non eran confortables. Servían para recadar rendas e tiñan a función de ser un lugar de refuxio nun ataque”, explica Pousa Diéguez.
Estas estruturas cumprían ademais unha función simbólica, ao representar a autoridade real nunha comarca que era maioritariamente de realengo. A súa localización respondía a criterios estratéxicos: dominio visual do territorio e proximidade ás principais vías de comunicación, como o camiño real.
Un contexto de proliferación e derrubo
O caso do Val Miñor insírese nunha etapa na que Galicia experimentou unha intensa construción de fortalezas. “Sorprende moito. Había moitas máis das que temos documentas”, sinala o investigador. A desaparición de boa parte delas relaciónase coas Revoltas Irmandiñas do século XV e coa posterior orde de derrubo impulsada polos Reis Católicos para limitar o poder da nobreza galega.
A análise dun documento elaborado con fins políticos no século XVI permite así reconstruír parte da xeografía defensiva medieval dunha comarca na que as pegadas físicas desapareceron, pero na que a toponimia e os arquivos conservan a memoria das antigas torres.

