fbpx
Rúa da Ribeira en Betanzos / Surfing the Planet

Un territorio rexistrado baixo terra: a febre mineira na comarca de Betanzos entre os séculos XIX e XX

Tempo de lectura: 4 min.

Entre finais do século XIX e a primeira metade do XX, a comarca de Betanzos foi escenario dun fenómeno pouco coñecido pero revelador das dinámicas económicas e sociais da época: unha intensa actividade de rexistro mineiro, moi superior á explotación real dos recursos. Lonxe da imaxe de grandes minas en funcionamento, o que emerxe da documentación histórica é un territorio cartografado, demarcado e nomeado.

Así o explican Manuel Fiaño e Miguel Gayoso no seu traballo publicado na última edición do Anuario Brigantino, que documenta centos de solicitudes de rexistro mineiro presentadas ante o Distrito Mineiro da Coruña entre 1872 e 1943. “Máis que minas, o que nos chamou a atención foi a cantidade de rexistros”, sinala Fiaño. Unha diferenza clave para entender o fenómeno: rexistrar unha mina non implicaba necesariamente poñela en explotación, senón reservar dereitos sobre un territorio, á espera de que o recurso resultase rendible.

A minería como expectativa histórica

O contexto é fundamental. A segunda metade do século XIX coincide cun período de expansión da minería en España, impulsada pola industrialización, a demanda de metais e a apertura do mercado a capitais privados, nacionais e estranxeiros. Galicia, aínda que periférica respecto ás grandes concas mineiras do norte peninsular, non quedou á marxe deste proceso.

Na comarca de Betanzos, os rexistros concéntranse especialmente en Aranga e Curtis, zonas cunha xeoloxía favorable á presenza de ferro e outros minerais. “A gran maioría dos rexistros son de ferro, porque é o material máis abundante”, explica o investigador Manuel Fiaño. Outros minerais como a pirita, o arsénico, a mica, o caolín ou mesmo o wolframio aparecen de maneira puntual, ligados a contextos históricos moi concretos.

Con todo, a maior parte destas iniciativas non chegaron a consolidarse. En moitos casos tratábase de simples prospeccións, motivadas pola aparición de pedras cunha cor ou textura determinada. “Había indicios, alguén vía unha pedra e pensaba que podía ser pirita, espato flúor ou outra cousa. Rexistrábase e logo xa se vería”, resume o investigador.

Un dos aspectos máis reveladores do estudo de Gayoso e Fiaño é o perfil dos solicitantes. A maioría non eran veciños da comarca, senón persoas xa vencelladas ao mundo da minería: empresarios, comerciantes, enxeñeiros ou investidores procedentes de Asturias, Santander, Bilbao ou mesmo de Francia. En Paderne, por exemplo, aparecen varios solicitantes franceses, nun momento no que o capital estranxeiro tiña unha presenza crecente na minería española.

Xunto a eles, tamén figuran funcionarios do Goberno civil ou persoas con cargos administrativos, o que amosa que a minería era vista como unha oportunidade económica, pero tamén como un espazo de especulación legalizada. Rexistrar unha mina podía ser unha estratexia de investimento sen necesidade de escavar un só metro.

O caso singular da mina ‘La Oculta’

Se hai un episodio que condensa esa mestura de expectativa, mito e realidade é o da mina urbana bautizada como ‘La Oculta‘, en Betanzos. Trátase dunha concesión que chegaba a abranguer practicamente toda a vila, algo excepcional no contexto galego. A súa orixe remóntase ao século XVIII, cando a propia Coroa impulsou investigacións ante os rumores da existencia de mercurio baixo o solo urbano da vila.

“O mercurio era un material estratéxico”, lembra Fiaño, “e foi a Coroa quen mandou aquí enxeñeiros militares para comprobar se había ou non”. A resposta foi negativa, pero iso non impediu que décadas despois se retomase a idea, alimentando unha lenda persistente. “Lenda ou non, o que está claro é que se escavou. Que non apareceu mercurio, tamén”, indica.

A mina converteuse así nun exemplo de como a minería podía funcionar como relato, como promesa de riqueza futura, mesmo cando os datos xeolóxicos non a avalaban. Un fenómeno que se repite noutros puntos da comarca.

O wolframio

O único caso claramente vinculado a un contexto internacional é o do wolframio, rexistrado en Oza dos Ríos durante a Segunda Guerra Mundial. O wolframio era un mineral estratéxico, empregado para reforzar o aceiro e fabricar munición. En Galicia tivo unha importancia notable noutros territorios, pero na comarca de Betanzos o seu impacto foi moi limitado. “Houbo unha ou dúas explotacións, pero nada significativo”, explica Fiaño, que sitúa os grandes focos en zonas como Bergantiños.

Un mapa desaparecido: a microtoponimia mineira

Alén do interese económico ou industrial, o traballo de Fiaño e Gayoso revela un valor patrimonial inesperado: a recuperación dunha microtoponimia hoxe en gran parte desaparecida. As demarcacións mineiras describían con enorme detalle camiños, leiras, fontes, penas, casas e marcos que servían de referencia para delimitar as pertenzas.

“É unha microtoponimia riquísima, pero que foi desaparecendo coa concentración parcelaria, cos cambios xeracionais”, explica o investigador. Moitos deses nomes xa non son recoñecibles para a veciñanza actual, e só perviven nos boletíns oficiais ou nos expedientes administrativos.

Os propios autores insisten en que o seu traballo é, ante todo, un inventario. Un punto de partida para futuras investigacións máis centradas no traballo de campo, na localización de restos físicos ou na memoria oral. “Sobre este inventario aínda queda campo”, apunta Fiaño. “Pode que algunha mina non se explotase nunca, pero outras deixaron pegada. Hai xente maior que aínda se acorda de que se cavou nalgún monte”.

A historia da minería na comarca de Betanzos non é a dunha gran industria, senón a dun territorio atravesado pola expectativa do recurso, pola demarcación do subsolo e pola esperanza de atopar riqueza baixo a terra. Unha historia feita máis de papeis que de galerías, pero que permite entender mellor como se relacionaron economía, territorio e memoria nun momento clave da historia contemporánea galega.

Pode que che interese...