fbpx
Monumento ós fusilados no Campo da Rata da Coruña, por Isaac Díaz Pardo foto Diego Delso CCBy Wikimedia

A Coruña impulsa o recoñecemento de espazos clave como Lugares de Memoria Democrática

Tempo de lectura: 2 min.

O Concello da Coruña continúa avanzando no proceso de recoñecemento institucional de espazos vinculados á memoria histórica, coa intención de que varios enclaves da cidade sexan declarados como Lugares de Memoria Democrática. Este foi un dos asuntos centrais da reunión mantida entre o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, e o secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez López.

Durante o encontro, ambas administracións abordaron o estado da tramitación para incluír neste catálogo diferentes puntos da cidade con forte carga simbólica. Entre eles figuran a Casa Cornide, a Casa Museo Casares Quiroga e o espazo que abrangue a Torre de Hércules, Punta Herminia e o Campo da Rata, todos eles vinculados a episodios significativos da historia contemporánea e da represión franquista.

Segundo explicou o edil, o goberno municipal liderado por Inés Rey mantén unha liña de actuación centrada na recuperación da memoria das persoas represaliadas durante a ditadura, coa finalidade de visibilizar as súas historias e trasladar o seu legado á cidadanía. Esta iniciativa inscríbese nun traballo continuado que busca reforzar a dimensión pública e pedagóxica destes espazos.

A declaración destes lugares responde ao establecido na Lei de Memoria Democrática, que contempla o recoñecemento de espazos, materiais ou simbólicos, relacionados con feitos de especial relevancia histórica. En particular, inclúe aqueles vinculados á defensa dos dereitos e liberdades, así como á represión derivada do golpe de Estado de 1936, a Guerra Civil, a ditadura franquista e o exilio.

No marco da reunión tamén se tratou a aplicación práctica desta normativa na cidade. Neste sentido, acordouse a organización dun homenaxe público na praza de María Pita destinado a lembrar aos traballadores municipais que sufriron represión durante o franquismo. Segundo un estudo do Instituto Cornide, máis de 140 persoas vinculadas ao Concello foron afectadas por estas políticas represivas.

Este conxunto de actuacións sitúa A Coruña nun proceso de revalorización dos espazos da memoria, coa intención de integrar estes lugares no relato colectivo e no coñecemento histórico da cidadanía.

Pode que che interese...