A Coruña impulsa un centro de apoio para reforzar a divulgación no Castro de Elviña
O Concello da Coruña vén de dar un novo paso na posta en valor do Castro de Elviña, un dos principais xacementos arqueolóxicos do norte de Galicia, coa adxudicación das obras dun centro de apoio ás escavacións que comezará a construírse nas próximas semanas. A actuación, cun investimento de 314.398,34 euros, foi encargada á empresa Citanias.
Este novo equipamento está concibido como unha infraestrutura ao servizo tanto da investigación como da divulgación. O proxecto inclúe a creación dun punto de información para visitantes, así como distintos espazos destinados a actividades interpretativas que permitan achegar ao público a historia do enclave e os traballos arqueolóxicos que se desenvolven nel. O centro tamén servirá de soporte ás tarefas profesionais vinculadas ás campañas de escavación e ás accións didácticas que se realizan no xacemento.
A iniciativa forma parte dun plan máis amplo de remodelación do entorno do castro, orientado a mellorar as condicións de conservación, estudo e difusión deste espazo patrimonial. O obxectivo é reforzar o seu papel como recurso cultural e educativo, facilitando a comprensión do pasado e promovendo o coñecemento histórico entre a cidadanía.
O Castro de Elviña constitúe un dos exemplos máis destacados do mundo castrexo na Galicia setentrional. Segundo as estimacións arqueolóxicas, estivo habitado entre os séculos III a.C. e IV d.C., ocupando unha superficie superior ás catro hectáreas. Entre os seus elementos máis salientables atópanse os tramos de muralla, que chegan a acadar os cinco metros de altura, e que evidencian a complexidade defensiva do asentamento.
Recoñecido como Ben de Interese Cultural, o xacemento destaca polo seu valor histórico e científico, así como polo seu potencial divulgativo. Neste sentido, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, subliñou a relevancia de iniciativas como esta, ao afirmar que “temos que coidar e dar a coñecer as xoias culturais e históricas que temos nesta cidade. O Castro de Elviña fálanos con abraiante claridade do que foi esta terra antes de que existise A Coruña”.

