fbpx

A CRMH da Coruña organiza actos conmemorativos polo Día da República e recoñece a Miguel Ángel Gómez “Gus” como Republicano de Honra 2026

Tempo de lectura: 2 min.

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) presentou o programa de actividades arredor do Día da República 2026, unha iniciativa que incluirá diversos actos institucionais e de homenaxe na cidade e que culminará coa entrega do recoñecemento como ‘Republicano de Honra 2026’ a Miguel Ángel Gómez “Gus”.

Os actos comezarán o xoves 9 de abril cunha recepción institucional na Deputación Provincial da Coruña ás 12:00, na que está prevista a intervención do seu presidente, Valentín González Formoso, xunto co propio homenaxeado. Esta primeira cita abrirá unha programación centrada na memoria democrática e no recoñecemento ás vítimas da represión franquista.

Xa pola tarde, ás 19:00, terá lugar un acto de homenaxe ás presas e presos políticos do franquismo no Salón de Actos da Fundación ONCE, no Cantón Grande. O encontro, conducido por Consuelo Bautista, abordará cuestións como “a loita social, as detencións e torturas; a Fuga de Segovia en 1976”, segundo sinala a organización.

Neste acto participarán diferentes persoas que sufriron represión durante a ditadura, entre elas o propio Miguel Ángel Gómez “Gus”, quen estivo encarcerado en prisións como Carabanchel, Segovia ou Zamora. Tamén intervirán Josu Ibargutxi e Enrique Gesalaga Larreta, ambos vinculados á coñecida fuga do cárcere de Segovia en 1976, así como antigas presas e presos políticos vinculados ao cárcere da Coruña, como Celsa Díaz Cabanela, Marisol García Juárez, Manuel Villares Creo, Sari Alabau e Marga Vázquez Veras.

A programación continuará o sábado 11 de abril cunha ofrenda floral ás vítimas do franquismo ás 19:00 no Memorial Xermolos, situado na avenida de Navarra. Este acto busca manter viva a lembranza das persoas represaliadas durante a ditadura.

A xornada concluirá ás 21:00 coa Cea da República, que se celebrará no Hotel Meliá María Pita, onde se fará entrega oficial da distinción como Republicano de Honra 2026 a Miguel Ángel Gómez “Gus”.

Pode que che interese...