A Deputación da Coruña e a USC impulsan novas exhumacións de vítimas do franquismo en tres puntos da provincia
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o reitor en funcións da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, formalizaron este luns a firma dun convenio destinado ao desenvolvemento dun programa de actuacións en materia de memoria democrática na provincia. O acordo, financiado polo organismo provincial cun investimento de 150.000 euros, permitirá impulsar traballos de investigación, exhumación e identificación de vítimas da represión franquista en tres enclaves concretos: Serantes (Ferrol), Boisaca (Santiago de Compostela) e Beira (Carral).
A execución técnica dos traballos será asumida polo grupo de investigación Histagra da USC, especializado no estudo da violencia política derivada do golpe de Estado de 1936 e con máis de dúas décadas de traxectoria neste ámbito. O equipo é ademais coordinador do proxecto ‘Nomes e Voces’, unha iniciativa centrada na recuperación e análise da memoria da represión franquista en Galicia.
Segundo recolle o convenio, as actuacións desenvolveranse a partir dunha metodoloxía científica que combina diferentes disciplinas. O proceso incluirá investigación histórica e documental previa, intervención arqueolóxica nos lugares sinalados e análise forense dos restos humanos que poidan ser localizados.
Este enfoque permitirá avanzar na localización e recuperación dos restos das vítimas, así como no proceso de identificación das persoas represaliadas, un paso considerado fundamental para a reparación das familias e para o coñecemento público do ocorrido durante a ditadura.
Durante o acto de sinatura, o presidente da Deputación destacou o valor destas actuacións no contexto das políticas de memoria democrática. Formoso afirmou que “os valores democráticos hai que preservalos e coñecelos”, subliñando que o proxecto non se limitará ás tarefas de exhumación senón que incluirá tamén un labor divulgativo.
Neste sentido, mencionou a realización dun documental sobre os traballos de exhumación, centrado tamén na reacción das familias das vítimas. “Coñecer o aspecto emocional das familias é fundamental”, indicou, ao tempo que sinalou a importancia de transmitir ás novas xeracións o significado destas investigacións: “Que as xeracións futuras saiban o que houbo que loitar para que podamos despregar ideoloxicamente calquera opción con total liberdade”.
Pola súa banda, o reitor en funcións da USC incidiu no valor educativo destas iniciativas e na necesidade de que a sociedade máis nova coñeza o pasado recente. Segundo explicou Antonio López, o obxectivo é que “as novas xeracións sexan conscientes do que pasou” e contribuír a “dar luz a todos estes anos de escuridade”.
López tamén destacou o impacto que teñen estas intervencións nas familias das vítimas, especialmente cando poden recuperar os restos dos seus achegados.
O acto de sinatura serviu ademais como xesto de despedida institucional ao reitor en funcións por parte do presidente da Deputación. Formoso cualificouno como “un colaborador nato” e destacou o seu papel á fronte da universidade, asegurando que “fixo mellor unha universidade que é de toda a provincia”. Pola súa parte, Antonio López puxo en valor a colaboración entre ambas institucións e o apoio da Deputación ao desenvolvemento de actividades académicas e científicas impulsadas pola USC.

