A exposición itinerante do Consello da Cultura Galega sobre a pandeireta chega a Ferrol
O Consello da Cultura Galega (CCG) inaugura este mércores na sede do Real Coro Toxos e Froles de Ferrol a exposición ‘A pandeireta galega. Actualización dun instrumento ancestral’, unha proposta que pretende poñer en valor o traballo de artesáns, músicos e investigadores arredor dun dos instrumentos máis representativos da música tradicional galega.
A apertura da mostra estará precedida, ás 18:00 horas, dunha sesión de relatorios centrada nos usos, técnicas e procesos de transmisión vinculados á pandeireta, que servirá de introdución aos contidos da exposición. A inauguración oficial contará coa participación da presidenta do CCG, Rosario Álvarez; do presidente do Real Coro Toxos e Froles, Arturo Lamas; e dos comisarios da mostra, Luciano Pérez Díaz e Suso Vaamonde Manteiga.
A xornada comezará cun relatorio titulado “O instrumento hoxe”, no que o músico Suso Vaamonde abordará o método e as novas técnicas de interpretación da pandeireta, así como o tratamento actual dos toques tradicionais. A sesión contará coa participación en directo do cuarteto do Real Coro Toxos e Froles.
Durante este encontro tamén se presentarán os primeiros estudos acústicos dedicados ao instrumento, que pasarán a integrarse nos fondos do Arquivo Sonoro de Galicia, xunto co método “Nova técnica de pandeireta galega”.
Posteriormente, Mercedes Autrán Romero ofrecerá o relatorio “A transmisión dos coñecementos. O caso das pandeireteiras de Rois”, no que analizará unha experiencia de transmisión interxeracional iniciada hai catro décadas. Segundo explica, este proceso foi posible grazas á implicación de avoas cantareiras e dunha mestra, que contribuíron a manter viva esta tradición musical.
A programación concluirá ás 20:30 horas coa inauguración oficial da exposición, na que participarán tamén as cantareiras do Real Coro Toxos e Froles.
A exposición pretende achegar a distintos públicos —desde estudantes e profesionais ata público infantil— o estado actual da pandeireta en Galicia. O comisario Luciano Pérez subliña que, a pesar de ser un instrumento moi presente na tradición musical, “é un gran descoñecido por todas as innovacións elaboradas polos diferentes mestres artesáns”.
A mostra reúne fontes documentais, técnicas de construción e exemplos históricos do instrumento, permitindo coñecer o traballo de diferentes artesáns e a evolución dos seus métodos. O percorrido estrutúrase en sete vitrinas nas que se amosan instrumentos e materiais representativos.
Entre as pezas expostas destacan unha pandeireta do artesán Manuel Fernández Martínez, coñecido como “o vello Barranco”, adquirida por 20 pesetas en 1947, ou unha pandeira centenaria pertencente á colección do Real Coro Toxos e Froles, da que se descoñece o seu fabricante. Tamén se exhibe un instrumento elaborado por Gonzalo Álvarez Martínez, considerado o primeiro artesán do que se ten constancia por gravar o seu nome na propia pandeireta.
Segundo explica Luciano Pérez, “imos amosar fontes documentais e técnicas de construción; poderemos ver o despece do instrumento e, ademais, escoitar audios sobre o son particular de cada un destes instrumentos”.
Outro dos eixos da exposición é a evolución dos materiais empregados na construción do instrumento, especialmente nos parches e nas ferreñas.
Tradicionalmente, os parches fabricábanse con pel de ovellas ou cabras, aínda que co paso do tempo se introduciron tratamentos específicos para mellorar a súa estabilidade, como procesos de curtido, tinguidura ou encolado. Posteriormente apareceron materiais sintéticos como plásticos ou vinilos, que reproducen o comportamento acústico das peles naturais pero permiten unha maior estabilidade e afinación.
Tamén se analiza a evolución das ferreñas, que inicialmente eran de ferro e que hoxe adoitan fabricarse con folla de lata recuberta de estaño, con diferentes grosores e formas. Cada artesán aplica técnicas propias de fabricación, o que inflúe na intensidade e nas características do son.
A exposición inclúe tamén un conxunto de prendas orixinais da cantareira da Chisca, Josefina Caeiro Freire, nacida en 1926, así como recreacións realizadas en 1986 por Mercedes Autrán Romero, vinculadas ao grupo de pandeireteiras de Rois.
A mostra, que xa puido verse anteriormente en Lugo e Pontevedra, continuará a súa itinerancia por diferentes localidades de Galicia, co obxectivo de difundir o coñecemento sobre este instrumento e o traballo das persoas que contribuíron á súa preservación e evolución.

