A MICE regresa a Santiago cunha aposta polo cinema etnográfico como espazo de creación e pensamento
A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) do Museo do Pobo Galego celebrará a súa 21ª edición entre o 10 e o 15 de marzo en Santiago de Compostela, consolidándose como un dos encontros dedicados ao cinema etnográfico e á antropoloxía visual. O festival afronta esta nova convocatoria tras máis de dúas décadas de traxectoria reafirmando o seu carácter como territorio de creación, investigación e experimentación arredor do rexistro do real.
A presentación da programación contou coa participación de Concha Losada, presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego; Coral Piñeiro e Fran Rodríguez, integrantes do colectivo Memoria e Cinema e co-directores da MICE; a concelleira de Capital Cultural do Concello de Santiago, Míriam Louzao; o deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé L. Penas Corral; e Jacobo Sutil, en representación da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC).
Segundo explicou Fran Rodríguez, o festival continúa avanzando cara a unha concepción do cinema etnográfico ligada aos procesos de creación. “Hai un interese polo xermolo dos proxectos, pola súa construción, pola súa fraxilidade e por todo aquilo dinámico que avanza cara a formas contemporáneas que nos axuden a comprender a nosa realidade”, sinalou.
Nesta mesma liña, Coral Piñeiro destacou a vontade de abrir a mostra a múltiples ámbitos e sensibilidades: “Queremos promover a MICE como un espazo aberto no que persoas con diferentes inquedanzas e procedentes de distintos ámbitos atopan no etnográfico un lugar común”.
Durante o acto, Concha Losada subliñou a importancia desta nova fase da mostra, nacida do propio equipo do Museo do Pobo Galego. A presidenta do padroado salientou que o relevo na dirección responde á vontade de manter o festival como un proxecto dinámico e conectado co presente, ao tempo que se preserva a identidade construída ao longo dos anos.
Losada aproveitou tamén para agradecer o traballo de Ana Estévez, directora da MICE durante vinte anos, destacando o seu papel na consolidación e proxección internacional da mostra.
No mesmo sentido, Jacobo Sutil, de AGADIC, destacou que Estévez conseguiu facer medrar o festival sobre “cementos fortes”, ao tempo que cualificou esta nova etapa como unha oportunidade para o colectivo Memoria e Cinema. Sutil salientou tamén o papel dos festivais como espazos de visibilidade para o sector audiovisual galego e a singularidade da MICE como un festival que “fala de nós”.
Pola súa banda, Xosé L. Penas Corral destacou os máis de vinte anos de traxectoria dunha mostra “xa plenamente asentada”, facendo fincapé na relación entre cinema e investigación académica. O deputado provincial referiuse tamén ao acto inaugural e á peza Redeiras, lembrando que “o patrimonio non existiría sen as persoas” e reivindicando o papel destas mulleres ligadas ao oficio do mar e á memoria colectiva.
A concelleira Míriam Louzao sinalou que iniciativas como a MICE representan “un dereito de representación e un acto colectivo”, ao tempo que responden á existencia dun público “crítico, esixente, diverso e voraz”, interesado en propostas que permitan pensar a realidade a través da imaxe.
A programación desta edición inclúe unha retrospectiva dedicada á cineasta Maddi Barber, cun percorrido pola súa obra, caracterizada polo diálogo entre paisaxe, corpo e memoria a través de linguaxes cinematográficas híbridas.
Tamén se presenta o foco Zinema Auzolanean, impulsado por Hiruki Filmak, que reflexiona sobre autorrepresentación e procesos colectivos de creación audiovisual.
A MICE reforza ademais a súa relación co ámbito universitario mediante sesións realizadas en colaboración co Cineclube da Facultade de Ciencias da Comunicación e co Festival Novos Cinemas, así como a través do diálogo co movemento cineclubista. Neste contexto insírese a sesión Tránsitos, organizada xunto ao Cineclube de Compostela.
O festival incorpora tamén novas iniciativas centradas nos procesos creativos, como SONORA · Residencia de escoita, da que nace a obra Redeiras de A Guarda, ou Profanacións, un novo espazo destinado á investigación e ao acompañamento de proxectos en fase inicial.
A dimensión formativa complétase cun taller intensivo de iniciación ao cinema en 16 mm, realizado en colaboración coa ECAM, e coa reactivación de Carrete 36, iniciativa do colectivo artístico Ciclón centrada na creación e autoedición en formato analóxico.
As seccións competitivas constitúen un dos eixos centrais do festival. A Sección Galicia reúne obras que exploran diferentes linguaxes e relacións co territorio, desde a animación ata o ensaio audiovisual.
Entre os títulos programados figuran El cuerpo de cristo, de Bea Lema, presentada como estrea en Galicia; Alboroque, de Sabrina Fernández Casas; Furada Negra, de Berio Molina; A voz de todas as cousas, de Daniel Pérez Silva; e La historia todavía no conoce mi nombre, de Diana Toucedo, tamén estrea en Galicia.
Pola súa parte, a Sección Internacional mantén a aposta por un cinema sen restricións de formato nin xénero, con obras procedentes de diferentes contextos culturais. Entre elas atópanse Rain Does Not Make Us Happy Anymore, de Yashasvi Juyal; Seen From Here, I Feel Like Belonging, de Emilia Auhagen-Kuoppamäki e Leon Emonds-Pool; Percebes, de Laura Gonçalves e Alexandra Ramires; The Inhabitants, de Maureen Fazendeiro; e El día que tal, de Pablo Casanueva.
Apoios institucionais
A 21ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico está organizada polo Museo do Pobo Galego e conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela, a Deputación da Coruña, a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Xunta de Galicia e Acción Cultural Española (AC/E).

