fbpx
O cargadoiro aínda en uso na ponte de Rande / Revista Vía Libre

Alén Nós denuncia o bloqueo da Xunta á declaración BIC do cargadoiro de Coto Wagner en Rande

Tempo de lectura: 2 min.

A Asociación Cultural Alén Nós de Redondela manifestou a súa preocupación pola falta de avances na declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) do conxunto histórico de Rande, no que se inclúe o antigo cargadoiro de mineral de Coto Wagner, situado na enseada de San Simón.

Segundo expón o colectivo, a petición para que este ámbito patrimonial reciba a máxima protección legal foi aprobada por unanimidade polo pleno do Concello de Redondela en dúas ocasións, nos anos 2013 e 2020, mais a Administración autonómica non chegou a iniciar o procedemento administrativo necesario para a súa tramitación. Para Alén Nós, esta situación non pode ser interpretada como un simple atraso burocrático, senón que responde a “unha decisión política consciente e intencionada”.

A entidade lembra que a lexislación galega en materia de patrimonio cultural establece que, cando existen valores culturais acreditados, a Administración debe incoar o expediente de protección. Neste sentido, defenden que o espazo de Rande e o cargadoiro de Coto Wagner reúnen valores históricos, industriais, paisaxísticos e sociais que xustifican a súa declaración como BIC.

O cargadoiro de mineral é actualmente propiedade da Autoridade Portuaria de Vigo, organismo que solicitou no seu momento o desmantelamento da estrutura ao considerar que se atopaba en estado de ruína. Fronte a esta posición, desde Alén Nós subliñan que a normativa patrimonial impón aos propietarios a obriga de conservar os bens culturais, incluídas as administracións públicas.

Neste contexto, a asociación considera que non resulta aceptable alegar deterioro cando este é consecuencia de anos de abandono, e defende que a declaración BIC permitiría dotar o elemento dunha protección xurídica efectiva e obrigaría á súa restauración. Ademais, o colectivo cuestiona se a ausencia desta figura de protección responde á vontade de evitar limitacións que puidesen afectar a determinados intereses industriais na contorna.

O antigo cargadoiro forma parte do paisaxe cultural da enseada de San Simón, un espazo estreitamente ligado á memoria histórica e ao desenvolvemento industrial da ría de Vigo. Segundo Alén Nós, a desaparición desta infraestrutura alteraría de maneira significativa a paisaxe histórica do lugar e implicaría unha perda patrimonial de carácter irreparable.

Ante esta situación, a asociación anunciou a súa intención de dirixirse aos grupos parlamentarios para que leven ao Parlamento de Galicia a solicitude de declaración como Ben de Interese Cultural do cargadoiro de Coto Wagner, co obxectivo de impulsar a súa protección e conservación.

Pode que che interese...