As covas e adegas de Seadur, en Valdeorras, acadan a máxima protección como Ben de Interese Cultural
O Consello da Xunta aprobou este luns a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) do conxunto de covas e adegas de Seadur, situadas no concello de Larouco, na comarca de Valdeorras. A medida, que será publicada nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia, outorga a este espazo o máximo nivel de protección patrimonial.
A decisión chega tras contar cos informes favorables do Consello da Cultura Galega e do Museo do Pobo Galego, que coinciden en sinalar o carácter singular deste enclave. Con esta incorporación, Galicia suma 795 bens recoñecidos como BIC, consolidando o proceso iniciado pola Consellería de Cultura en marzo de 2025.
O expediente técnico destaca que o conxunto está formado por 81 covas e adegas, que constitúen un exemplo relevante do patrimonio cultural galego pola súa autenticidade e estado de conservación. Segundo a documentación, trátase dun núcleo que se mantén practicamente intacto, cun número moi reducido de alteracións nas súas estruturas tradicionais.
As covas de Seadur responden a unha funcionalidade concreta: a garda e conservación do viño, adaptándose ás condicións climáticas da zona. Estas construcións permiten protexer a produción das altas temperaturas e manter unhas condicións estables ata o momento do seu consumo.
Ademais da súa función produtiva, o conxunto cumpre tamén un papel social. As covas foron e continúan sendo espazos de encontro familiar e veciñal, asociados á vendima, á elaboración do viño e á vida comunitaria. Neste sentido, o decreto subliña que estes usos forman parte esencial do seu valor patrimonial.
Modelo das formas de vida tradicionais
A Xunta fundamenta a declaración na relevancia destas infraestruturas como testemuño das formas de vida tradicionais e da cultura vinculada ao territorio. A documentación técnica incide en que o conxunto representa unha parte significativa da identidade de Seadur e da comarca de Valdeorras, así como do conxunto de Galicia.
Así mesmo, destácase a súa integración na paisaxe e o emprego de materiais propios do entorno, o que permite consideralas tamén como exemplos de arquitectura bioclimática tradicional, adaptada ao medio e ás necesidades produtivas.
O recoñecemento como BIC implica a súa protección e conservación como elemento clave do patrimonio etnolóxico galego, garantindo a súa transmisión ás futuras xeracións.

