fbpx

Así cambiou Galicia dende 1956: as imaxes do voo americano que revelan como se urbanizou o país

Tempo de lectura: 4 min.

As imaxes do coñecido como voo americano de 1956 permiten reconstruír unha fotografía precisa dunha Galicia que hoxe, en boa medida, xa non existe. Aquel proxecto cartográfico, impulsado no contexto da Guerra Fría mediante un acordo entre os gobernos de Estados Unidos e o réxime franquista, deixou arredor de 60.000 fotografías aéreas do territorio español, incluíndo unha cobertura completa das cidades galegas e de moitas zonas de todo Estado españaol.

Realizadas a uns 5.000 metros de altitude e cunha escala de detalle inédita para a época, estas imaxes constitúen hoxe unha ferramenta fundamental para analizar a evolución urbana e territorial. A comparación coas fotografías actuais evidencia un cambio profundo: Galicia pasou dun territorio maioritariamente rural a unha paisaxe marcada pola expansión urbana, as infraestruturas e o crecemento industrial.

A Coruña: da paisaxe agraria á cidade expandida

A comparación aérea da cidade da Coruña revela unha transformación significativa. No voo de 1956, amplas zonas que hoxe forman parte da cidade aparecen como leiras e espazos agrarios, sen apenas edificación.

A expansión posterior materialízase en barrios como Os Rosales, a urbanización da rolda de Outeiro, Vioño ou o polígono da Grela, que non existían naquela altura. Tamén destaca a ampliación do porto exterior, un dos cambios máis visibles.

Porén, elementos como o estadio de Riazor ou o parque de Santa Margarida mantéñense recoñecibles. Pola contra, desapareceu a antiga praza de touros, substituída pola actual praza de San Pablo.

Santiago: unha cidade que medrou fóra das súas marxes históricas

No caso de Santiago de Compostela, a diferenza entre ambas imaxes é especialmente clara. En 1956, a cidade reducíase practicamente ao casco histórico e o seu contorno inmediato, mentres que amplas zonas actuais eran campo aberto.

Espazos como o Ensanche, Sar, Pontepedriña, Fontiñas ou o Campus Norte non aparecen no mapa antigo ou presentan unha ocupación moi escasa e dispersa. Tampouco existía a actual área hospitalaria.

En contraste, o centro histórico mantense practicamente inalterado, así como a Alameda e parte das instalacións universitarias máis antigas, que xa estaban presentes naquel momento.

Vigo: a consolidación dunha cidade industrial e portuaria

A cidade de Vigo ofrece unha das transformacións máis evidentes. O porto experimentou unha expansión notable, especialmente cara ao oeste, converténdose nun dos principais motores económicos da cidade.

A comparación tamén amosa unha forte densificación urbana: mentres nos anos 50 predominaban as edificacións dispersas, na actualidade obsérvase unha cidade máis compacta e extensa. Non existían entón espazos como a praza de América ou a praza da Independencia, hoxe centrais na estrutura urbana.

Outros elementos si permanecen, como as grandes vías (Gran Vía, Urzáiz ou a avenida de Madrid). Tamén se identifican infraestruturas xa transformadas, como a antiga estación de tren —hoxe integrada no complexo Vialia— ou a estación de mercadorías de Guixar.

Lugo: da cidade amurallada á expansión cara ao Miño

En Lugo, o contraste céntrase na expansión exterior. A cidade intramuros aparece practicamente idéntica, pero no voo de 1956 destaca con claridade a súa delimitación, rodeada de espazos sen urbanizar.

Co paso das décadas, Lugo medrou principalmente cara ao sur, aproximándose ao río Miño, e incorporando novos espazos como o campus universitario ou os polígonos industriais do norte, inexistentes na imaxe antiga.

Ourense: máis pontes e unha cidade que se estende

A evolución de Ourense pode observarse tanto na expansión urbana como nas infraestruturas. No mapa de 1956 só aparecen tres pontes principais sobre o Miño: a ponte Maior, a ponte Nova e a da liña ferroviaria.

Na actualidade, a cidade conta con novas conexións como a Ponte do Milenio, a pasarela do Vao ou a ponte do Ribeiriño, que reflicten a ampliación e modernización da cidade.

Tamén se aprecia un crecemento en todas as direccións, especialmente nas zonas ao norte do río, que na década dos 50 presentaban unha ocupación moito menor.

Ferrol: continuidade urbana e expansión portuaria

Ferrol amosa unha evolución máis contida no tecido urbano, mais cun cambio relevante no seu porto, que incrementou a súa capacidade e superficie.

No centro histórico mantense claramente a súa característica estrutura en trazado ortogonal, xa visible nas fotografías de 1956. O crecemento produciuse principalmente cara ao leste, mellorando a conexión coa Coruña e co resto do territorio.

Pontevedra: novas pontes para unha cidade en expansión

En Pontevedra, o centro urbano mantén unha continuidade notable entre ambas épocas. Porén, a expansión prodúcese sobre todo ao norte do río Lérez, unha zona que en 1956 apenas estaba urbanizada.

Un dos cambios máis significativos é o incremento das infraestruturas: no mapa antigo só aparecen a ponte do Burgo e a ponte da Barca, mentres que as demais conexións actuais son posteriores.

Tamén se identifican elementos xa existentes naquela altura, como a praza de touros ou o edificio que hoxe ocupa a Facultade de Belas Artes, daquela cuartel.

Unha transformación en poucas décadas

A análise conxunta das imaxes permite identificar unha tendencia común: a expansión das cidades sobre espazos anteriormente rurais, a consolidación de infraestruturas e o crecemento dos portos como motores económicos.

Pode que che interese...