Beleza e lirismo: Lalique, a coroa do Art Noveau e o Art Déco
A exposición Lalique: a Beleza entre o Art Noveau e o Art Déco abriu onte na sede da Fundación Barrié no Cantón Grande na Coruña. A exposición céntrase na personalidade e obras deste artista, mostrando a través de diferentes pezas entre dous estilos as razóns polas que erixiuse como unha das figuras mais relevantes e decisivas da arte contemporánea. A organización realizouse coa colaboración de dous dos centros que albergan e expoñen algunhas das obras mais magníficas do artista: a Fundación Calouste Gulbenkian (Lisboa) e o Museo Lalique (Alsacia).
A inauguración abriu cunha conferencia sobre a figura do artista a cargo da directora do Museo Lalique. En francés explicou o percorrido de Lalique, poñendo de manifesto que as suas orixes foron cruciais para comprender a sua carreira. Criado nas campías de Champagne, medrou observando o seu pai -vidreiro- e a sua nai -unha mestra na arte do bordado-. A sua segunda mestra foi a propia Natureza, contemplando todo o que o rodeaba: dende as flores consideradas mais salvaxes e humildes ata o fusco, eran motivos para alimentar a sua imaxinación. Comprendeu os valores das cores, das formas e das texturas.
Isto logo traduciuse nun forte senso do debuxo, o cal fixo preciso a través da educación recibida na Escola de Artes Decorativas de París en 1876 e logo en Londres en 1878. Foi un periodo no cal tomou inspiración na arte da Idade Media e do seu grande defensor: William Morris,o impulsor do Movemento de Artes e Oficios. Este foi un periodo centrado na elaboración de xoias. Instalado nun estudo propio en 1882 e traballando como debuxante de estudio, comezou a colaborar coas grandes casas de xoiería francesas mais eminentes: Cartier, Jacta, Auroc ou Boucheron entre outras maisons.

Diadema Cattleya. 1903-1904. René Lalique. Ouro, diamantes, marfil artificil, corno e esmalte. Museo Lalique, colección privada.
Comezou a deseñar as xoias que logo daríanlle prestixio, coñecendo antes a incompresión e o desdén. Isto non foi impedimento para que formara parte da Exposición Universal de París en 1889. Tal como se apuntou na conferencia a xoiería de finais do século XIX era esencialmente clasicista, centrada no traballo de pedras preciosas (diamantes, zafiros, esmeraldas…) e metais nobres (ouro, prata e platino). Lalique comezou a facer elegantes deseños materializados con pedras semipreciosas (ópalo, ametistas), materiais naturais (corno, marfil) e materiais innovadores (o marfil artificial, antecedente do plástico), cos que non dubidada logo en traballar con pedras preciosas e materiais nobres.

Gargantilla Pensamento. 1902-1904. René Lalique. Ouro,perlas, diamantes e esmalte. Museo Lalique, depósito Shai Bandmann e Ronald Ooi.
Os seus motivos tiveron as mulleres como epicentro: eran suxeito protagonista en forma e de público. So a Natureza ocupaba un lugar tan preeminente na sua arte: as flores eran proxectadas non so como motivos. Delas toma o ornamental como función. A forma é activa, non so decoración pasiva. E a forma pasa a ser sofisticada de maneira que, por si mesma, xeraba composicións, texturas, efectos cromáticos e lumínicos, tendo unha dimensión ligada ao dinámico e o movemento.

Adorno para un corpiño: Volvoretas nocturnas.1906-1907. René Lalique. Ouro, brillantes, vidro e esmalte. Museo Lalique, depósito Shai Bandmann e Ronald Ooi.
Xunto cos encargos realizados por figuras tan innovadoras como Sarah Bernhardt e Calouste Gulbenkian a partir de 1896, Lalique comezou a tomar un espazo de maior apreciación ao verse que o seu olfato e sentido creativo fora acertado na muda dos tempos. Pasou de ser considerado un artista que facía xoias que non cumprían co seu propósito –mostrar status social e embelecer– sendo ademais antiestéticas, feas e pobres a ser considerado como un artista por nome propio. Por estes motivos Lalique puxo os alicerces para unhas artes decorativas contemporáneas.

Interior da exposición adicada a Lalique na Fundación Barrié, aberta ata o 12 de Xullo do 2026.
Estas cuestións explicadas e expostas na conferencia vense materializadas na exposición. A sua montaxe faise eco da montaxe do espazo de alta xoiería histórica presente no Victoria and Albert Museum en Londres. De este xeito o espazo escuro e debidamente iluminado sobre as pezas, permite aprezar a extraordinaria calidade e estética das pezas. Estas están disposta segundo temas, comezando pola feminidade como elemento central de Lalique, pasando logo pola mitoloxía grega e a Natureza –flores, cascudas, animais ou serpes–. É dicir: temas que lle permitiran explorar formas e efectos de superficie, tanto no seu dinamismo e definición como no abano iridescente de texturas. Son abundantes as pezas para perfumería (especialmente a partir da sua colaboración con Coty), xarróns, espellos de tocador e, sobre todo, xoias: diademas, peinetas, colgantes, broches e detalles para cinturóns. A partir destes punto a exposición amplía o rango de pezas: espellos de pe, cadeiras, percheiros, téxtiles, encadernación de libros e composicións musicais –como A Valkiria de Richard Wagner–.

Combinación de dous colares de deseños en vidro contrapostos pero nun mesmo estilo: o Déco dos anos 30.
A transición do Déco resulta comprensible: os seus coetáneos xa advertiran do olfato de Lalique para comprender o pulso do tempo. E o paso a este estilo é comprensible tendo en conta que ambos partían da posta en valor da beleza intrínseca da natureza e posibilidades dos materiais. Tras a Primeira Guerra Mundial, en 1919 Lalique regresou a Champagne para dar maior prioridade ao traballo de vidro. O que no Nouveau resulta o máximo coa acumulación de detalles, no Déco o máximo acádese co monumentalismo da sinxeleza. Un artista con menor finezza tería perdido a comprensión do tránsito e, de feito, moitos dos artistas que destacaran no Modernismo non lograron pasar esta transición. Pero outros, como Lalique, si. E iso vese no seu traballo para o transatlántico París en 1921, a decoración para o salón de alta costura de Madeleine Vionnet en 1923 e, de xeito decisivo, a sua presenza na Exposición Internacional de Artes Decorativas e Industriais Modernas de París en 1925.
Tras a Crise de 1929, e cun Déco nunha etapa romántica, Lalique orientase en mais exposicións –a Exposición Colonial Internacional de 1931–, obras públicas e a participación no que foron algúns dos grandes proxectos de transporte como foi a decoración do transatlántico Normandía en 1935. Estas etapas aparecen representadas tanto en xoias como en obxectos. Os colares Déco mostran un carácter visible, de considerables dimensións e que xogan cos contrastes. Obras destinadas ao Normandía mostran ese mesmo sentido teatral de contraposición, con acabado e cunha limpeza de liñas digno do mellor deseño industrial.
Xunto con isto o que mais destaca en Lalique son os seus bocetos preparatorios: debuxos onde non so aparecen deseños, senón tamén apuntamentos sobre os materiais, a talla de pedras, o seu corte, as texturas, os materiais e as composicións. Mostran así un artista que alimentaba a súa versatilidade tanto en base a unha boa formación como a unha visión aberta. Como apuntara un periodista contemporánea de Lalique, este artista “absorbe todo o que o rodea” permitíndolle crear obras de Arte. A sua carreira e xenio,tal como se aprecia na mostra, foi o que marcou un punto de inflexión artística que a vez abriu paso as seguintes xeracións.

