fbpx
Restos animais de Becerrea / CISPAC

Coellos, bisontes, leopardos e osos das cavernas: a fauna que acompañou aos primeiros habitantes de Galicia

Tempo de lectura: 3 min.

O investigador lucense Hugo Bal García defendeu recentemente a súa tese doutoral sobre a ocupación humana no noroeste da Península Ibérica durante o último período glacial, un traballo que analiza a relación entre os grupos humanos e a fauna nas serras orientais de Galicia ao longo de decenas de miles de anos. A investigación, titulada Estudio zooarqueológico de la ocupación del noroeste de la Península Ibérica durante el último período glacial, foi cualificada con cum laude e supón un dos estudos máis amplos realizados ata agora sobre o Paleolítico galego dende a perspectiva zooarqueolóxica.

O traballo centrouse no estudo de tres xacementos clave: Cova Eirós (Triacastela), Valdavara (Becerreá) e A Valiña (Castroverde). Nestes enclaves analizáronse máis de 14.000 restos faunísticos, pertencentes a un mínimo de 404 animais e a polo menos 23 especies diferentes. Entre elas aparecen dende pequenos mamíferos como o coello ata grandes especies como cervos, bisontes, cabalos, hienas, leopardos ou osos das cavernas.

Segundo explica o investigador, a análise destes materiais permitiu abordar unha problemática existente ata agora na investigación galega: a falta de estudos detallados sobre a fauna do Paleolítico nas serras orientais, unha zona que tradicionalmente foi considerada secundaria dentro do panorama arqueolóxico da cornixa cantábrica.

Os restos analizados proceden de niveis arqueolóxicos que abranguen un período comprendido aproximadamente entre os 60.000 e os 17.000 anos de antigüidade, dentro do Pleistoceno Superior. A maior parte dos ósos —case 8.000 fragmentos— proceden da Cova Eirós, un dos xacementos máis relevantes para o estudo do Paleolítico en Galicia.

Este enclave conserva unha das secuencias arqueolóxicas máis longas do territorio, con evidencias que se remontan a case 50.000 anos, e que abarcan dende o Paleolítico Medio ata o Superior. Isto permitiu analizar tanto ocupacións de neandertais como de Homo sapiens, así como a evolución das condicións ambientais e das estratexias de subsistencia ao longo de máis de 30.000 ou 40.000 anos.

Para realizar o estudo, Bal aplicou un mesmo enfoque metodolóxico nos tres xacementos, utilizando técnicas de análise comparables co obxectivo de reconstruír as secuencias cronolóxicas e ecolóxicas da rexión.

Un dos resultados máis destacados da investigación é a identificación dun patrón faunístico diferente ao que tradicionalmente se asociaba ao norte da Península Ibérica. Segundo explica o investigador, os datos indican que as serras orientais galegas constitúen unha zona de transición entre a fauna cantábrica e a do interior peninsular.

Nos xacementos aparecen especies pouco habituais nos contextos cantábricos do Pleistoceno, como o rebezo ou a cabra montesa, así como unha presenza significativa de coellos, máis propia de ambientes mediterráneos ou da Meseta. Ademais, o estudo confirmou a presenza de porco espiño, unha especie que ata agora non estaba documentada no rexistro paleontolóxico cantábrico deste período e que presenta importantes implicacións biocronolóxicas.

Este conxunto de especies configura o que Bal describe como un “crisol faunístico”, que reflicte a posición das serras orientais como zona de tránsito biolóxico e humano durante o Paleolítico.

Un clima chuvioso incluso durante a glaciación

A análise dos restos tamén permitiu reconstruír as condicións ambientais e climáticas da época. Un dos aspectos máis salientables é que, a pesar de tratarse dun período glacial, Galicia mantivo un clima relativamente húmido e chuvioso, non moi distinto do actual.

Esta característica contrasta co que sucede noutras zonas europeas do mesmo período, onde predominaban paisaxes máis frías e secas, e explica a diversidade de especies documentadas na rexión.

O estudo tamén achegou información relevante sobre as estratexias de subsistencia das comunidades cazadoras-recolectoras. A análise dos restos indica que os grupos humanos non só explotaban especies habituais de caza, senón tamén animais pouco frecuentes nos rexistros arqueolóxicos, como leopardos, osos ou osos das cavernas.

Ademais, a investigación permitiu identificar presenza humana en niveis nos que non se tiña constancia previa, ampliando o marco cronolóxico da ocupación nas serras orientais galegas.

Segundo Bal, estes resultados contribúen a reavaliar o papel desta zona dentro do Paleolítico do noroeste peninsular, afastando a idea de que se trataba dun territorio marxinal.

Unha base para futuras investigacións

O investigador subliña que o traballo constitúe un punto de partida para novos estudos, xa que en varios xacementos existen niveis que aínda non foron analizados. No caso de Valdavara, por exemplo, a investigación centrouse unicamente no nivel 1, polo que quedan outros depósitos pendentes de revisión.

Bal considera que Galicia conta cun patrimonio paleolítico “moi rico e diverso”, aínda pouco coñecido polo público xeral, e defende a necesidade de integrar os resultados obtidos nas reconstrucións arqueolóxicas máis amplas do noroeste peninsular.

Pode que che interese...