fbpx

Culleredo retira honras franquistas e modifica o rueiro en aplicación da Lei de memoria democrática

Tempo de lectura: < 1 min.

O Concello de Culleredo acordou retirar a condición de fillos adoptivos a dúas figuras vinculadas ao franquismo e modificar o nome de dúas rúas do municipio, nunha actuación que se enmarca no cumprimento da Lei de memoria democrática. O alcalde, José Ramón Rioboo, definiu a decisión como unha “medida firme en cumprimento da lei como acto de xustiza e dignidade”.

As distincións que serán anuladas corresponden a Ricardo Catoira Garaboa e Diego Salas Pombo, recoñecementos aprobados en plenos municipais durante a ditadura, en 1955 e 1945 respectivamente. Segundo expón o consistorio, a revisión destas honras baséase na súa vinculación directa co réxime franquista.

No caso de Ricardo Catoira Garaboa, o Concello sinala a súa relación persoal con Francisco Franco, ao que acompañou durante a Guerra Civil desde Burgos, así como o seu papel na xestión do Pazo de Meirás, circunstancia pola que foi mencionado na sentenza xudicial que abordou a titularidade do inmoble.

Pola súa banda, Diego Salas Pombo desempeñou distintos cargos de responsabilidade durante o franquismo, entre eles o de gobernador civil en varias provincias e o de vicesecretario xeral de FET e das JONS, organización política do réxime.

A actuación municipal inclúe tamén a modificación do rueiro, que afectará á rúa Sanjurjo de Carricarte, situada no Burgo, e á rúa Alcalde Narciso Pardo, en Liñares. Estes cambios responden á vontade de eliminar referencias públicas vinculadas á ditadura e adaptar os espazos públicos á normativa vixente.

O proceso conta co respaldo do traballo de investigación realizado polo historiador municipal, xa xubilado, Carlos Pereira, cuxos estudos sobre o impacto do franquismo en Culleredo serviron como base documental para fundamentar as propostas aprobadas.

Pode que che interese...