Das silveiras á reivindicación: a loita polas esquecidas Mámoas de Platas en Silleda
No corazón da Serra do Candán, entre as parroquias de Refoxos e Siador, no concello de Silleda, agóchase un conxunto arqueolóxico que durante décadas permaneceu nun segundo plano. Trátase das mámoas de Platas, unha necrópole megalítica que forma parte dun conxunto máis amplo de arredor de 27 túmulos catalogados na zona. Deles, unha decena concéntranse en Refoxos, nun espazo coñecido tradicionalmente como As Mamuelas.
O arqueólogo Israel Picón Platas leva varios anos traballando na recuperación, documentación e divulgación deste conxunto. “É unha necrópole espectacular”, sinala, ao tempo que subliña a súa localización estratéxica, conectando o val do río Deza coas zonas altas da serra, nun territorio de transición entre vales e montaña.

Plano aéreo satelital / Cedida
Un pasado marcado pola destrución e o descoñecemento
A historia recente destas mámoas está atravesada por episodios de perda patrimonial. Un dos máis significativos produciuse en 1974, cando unha das mámoas —a coñecida como mámoa da Braña— foi destruída durante labores agrícolas coa chegada da mecanización.
Segundo relata Platas, a destrución non foi intencionada: “El non sabía o que era, estaba todo a monte”. O propio responsable deu aviso ao arqueólogo Xulio Carballo Arceo, o que permitiu recuperar parte dos materiais. Hoxe, os seus ortostatos consérvanse no Museo de Pontevedra, onde contribúen a explicar a cultura megalítica da provincia.
A pesar de seren coñecidas, as mámoas de Platas arrastran unha longa historia de deficiencias na súa documentación. O primeiro rexistro atribúese tamén a Carballo Arceo, que as denominou ‘Mámoas da Pallota’.
Dende entón, diferentes equipos arqueolóxicos incorporaron datos e coordenadas, pero sen unha revisión exhaustiva sobre o terreo. “Pasados 40 anos, seguían cos datos iniciais”, explica Platas. A vexetación, o abandono das fincas e a dificultade de acceso impediron durante décadas unha análise precisa do conxunto. Esta situación prolongouse mesmo en instrumentos de planificación máis recentes. Segundo denuncia o arqueólogo, documentos oficiais chegaron a incorporar información desactualizada, reproducindo traballos de décadas anteriores sen revisión directa.

Mámoas de Platas / Cedida
Da iniciativa persoal á intervención arqueolóxica
Ante este escenario, Platas decidiu actuar. Como propietario dunha das fincas e coñecedor do lugar, impulsou un proceso de recuperación que comezou coa limpeza manual do terreo e a elaboración dunha memoria arqueolóxica autorizada pola administración.
Os traballos permitiron identificar e documentar con maior precisión varias das mámoas. No predio da Pallota, por exemplo, rexistráronse estruturas como a Mámoa da Pallota-1, cun diámetro de ata 25 metros e un cono de violación visible, ou a Mámoa da Pallota-2, de características semellantes, ambas situadas a uns 776 metros de altitude.
A partir destes traballos xorde o ‘Rozado Fest’, unha iniciativa que combina intervención arqueolóxica, divulgación e participación veciñal. A primeira edición serviu para limpar e documentar as mámoas; nas seguintes, o evento ampliouse coa implicación de colectivos, alumnado e habitantes da parroquia.
Durante estas xornadas, ademais do desbroce, recóllense testemuños e lendas vinculadas ao lugar. “Contaron o que vían nas casas, das mámoas de Platas… lendas, vivencias”, explica Platas, destacando o valor da memoria oral como parte do patrimonio.
A iniciativa, financiada integramente polo propio arqueólogo, ten tamén un compoñente lúdico, pero cun fondo reivindicativo claro: “Todo é pola divulgación, pero sempre mirando ao Monte Festeiros”.

As Manuelas / Cedidas
O conflito co parque eólico de Monte Festeiros
A recuperación das mámoas non pode entenderse sen o contexto do proxecto eólico previsto no Monte Festeiros, que afecta directamente á contorna onde se sitúan estes xacementos.
En 2024, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acordou a suspensión cautelar do proxecto, ao considerar acreditado o risco de danos ambientais de difícil ou imposible reparación. A resolución xudicial, á que tivo acceso Historia de Galicia, sinala a posible afección a hábitats de interese comunitario, especies vulnerables e áreas de especial valor paisaxístico, así como a necesidade de aplicar os principios de precaución e prevención.
O tribunal conclúe que, en sede cautelar, debe prevalecer a protección ambiental fronte aos intereses económicos, advertindo de que a execución das obras podería comprometer de forma irreversible o ecosistema.
A implicación de Israel Picón Platas neste proceso non estivo exenta de conflitos. O arqueólogo recoñece ter mantido discusións con veciños que vían no proxecto eólico unha oportunidade económica.
“Entendían que pola miña culpa deixaban de gañar ese diñeiro”, afirma. Tamén denuncia episodios como o depósito ilegal de residuos no seu predio, que tivo que asumir economicamente.
Agora, o seguinte paso, segundo explica o arqueólogo, pasa por ampliar os traballos de documentación ao conxunto da necrópole e avanzar na súa posta en valor. O obxectivo é claro: sacar do esquecemento un patrimonio que leva miles de anos no territorio e que, ata agora, permaneceu invisibilizado.

