Entre botíns, veludos e tacóns curvos: así vestía Galicia entre o final do XIX e os comezos do XX
A historia da moda adoita centrarse nas grandes pezas de vestir —vestidos, chaquetas ou sombreiros— mentres que o calzado quedou tradicionalmente nun segundo plano dentro da investigación histórica. Con todo, como explica a investigadora da Universidade de Vigo Mónica Rey Cabezudo, especializada en historia da indumentaria, os zapatos constitúen unha fonte fundamental para comprender a sociedade, as relacións de clase e mesmo os códigos culturais dunha época.
A análise dun par de botíns conservados no patrimonio da Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago serviu recentemente como punto de partida para reflexionar sobre a moda e o calzado entre finais do século XIX e comezos do XX. A partir desta peza concreta, Rey Cabezudo reconstruíu un contexto máis amplo que permite comprender como se vestía en Galicia durante a transición entre a moda victoriana e a Belle Époque.
Segundo explica a investigadora, “calquera peza de indumentaria fala da posición social dunha persoa, da súa capacidade económica e dos círculos nos que se move”. O calzado, neste sentido, funcionaba como un elemento de representación social, capaz de indicar status, refinamento ou pertenza a determinados ambientes urbanos e burgueses.
Unha moda europea tamén en Galicia
A imaxe tradicional dunha Galicia afastada das tendencias internacionais non se corresponde coa realidade do período. De acordo con Rey Cabezudo, as modas que se desenvolvían en París ou Londres tamén chegaban ás cidades galegas, especialmente aos ambientes urbanos.
A finais do século XIX, Galicia participaba das transformacións que estaban definindo a estética da Belle Époque, un momento de transición entre a moda victoriana e a chamada moda eduardiana. Os arquivos fotográficos conservados en cidades como A Coruña amosan homes e mulleres vestidos segundo as tendencias europeas, paseando polos espazos urbanos con traxes perfectamente adaptados ás correntes do momento.
A evolución do calzado, con todo, era moito máis lenta que a doutras pezas de roupa. Mentres que os vestidos podían cambiar de silueta ou ornamentación con maior rapidez, os zapatos mantiveron tipoloxías relativamente estables durante décadas. Isto explica que moitas pezas poidan datarse nun intervalo amplo de anos, xa que as diferenzas estilísticas adoitan ser sutís.
Un dos elementos que máis condicionou a presenza do calzado nas fontes históricas foi a propia moda feminina do século XIX. Durante gran parte dese período, as mulleres vestían saias longas que ocultaban case por completo os pés, o que dificultaba a representación dos zapatos en pinturas, esculturas ou ilustracións.
A isto sumábase outro factor cultural: a ambivalencia simbólica do pé feminino. No imaxinario social do século XIX, o pé e o nocello asociábanse tanto á delicadeza estética como a certas connotacións eróticas. Segundo explica a investigadora, esta circunstancia puido influír no feito de que as revistas de moda tratasen o tema con discreción, debido ás normas morais e de decoro que rexían este tipo de publicacións.
A cultura visual da época reflicte esa tensión. Nas sátiras de moda ou na prensa anglosaxoa do século XIX, o acurtamento das saias nas décadas de 1820 e 1830 deu lugar a ilustracións que ironizaban sobre o feito de mostrar os nocellos, presentando ás mulleres como moralmente cuestionables. Décadas máis tarde, xa nos primeiros anos do século XX, fotografías e representacións artísticas continuaron explotando esa asociación entre nocello e sensualidade.
Un zapato para cada momento do día
As normas sociais da época establecían un sistema complexo de uso do calzado segundo o momento do día e o tipo de actividade. As revistas de moda e os manuais de etiqueta describían diferentes categorías de zapatos que debían empregarse en contextos específicos.
Entre os modelos máis habituais atopábanse o zapato inglés, pechado con cordóns ou botóns e de tacón baixo, pensado para desprazamentos urbanos ou viaxes; o zapato de barretas, caracterizado polas tiras que cruzaban o empeine; o zapato de estilo Luís XV, cun tacón alto e curvado, asociado a contextos elegantes como bailes ou recepcións nocturnas, e as botinas ou botíns, un tipo de calzado de caña alta que cubría o nocello e que podía adaptarse a diferentes situacións segundo os materiais e a ornamentación.
Este sistema reflectía unha sociedade fortemente regulada polo protocolo social e as convencións de etiqueta. Existía, por exemplo, calzado de mañá, de paseo, de tarde e de noite, cada un asociado a determinados materiais e graos de decoración.
No caso das clases máis acomodadas, o calzado de noite podía incluso deseñarse para combinar cun vestido concreto, chegando a forrarse co mesmo tecido que a peza principal do traxe.
Os botíns: o calzado máis versátil
Entre todas as tipoloxías, as botinas destacaban pola súa versatilidade. Este calzado de cana alta, que cubría o nocello e se pechaba con cordóns ou botóns laterais, converteuse nun elemento habitual da vestimenta feminina urbana.
Dependendo dos materiais empregados —coiro, seda ou veludo— e do nivel de ornamentación, os botíns podían utilizarse tanto en contextos informais como en ocasións máis elegantes. Algúns modelos estaban pensados para paseos ou viaxes, mentres que outros, elaborados con tecidos máis luxosos, podían empregarse en actividades sociais como asistencia ao teatro ou a reunións nocturnas.
Os botíns conservados na institución compostelá responden a este segundo tipo. Elaborados con materiais refinados e cun tacón curvado inspirado no modelo Luís XV, representan unha versión especialmente elaborada do calzado urbano feminino da época.

Botíns conservados na Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago / RSEAPS
Para Rey Cabezudo, estas pezas exemplifican unha das características fundamentais da moda de finais do XIX: a combinación entre funcionalidade e representación social.
Artesáns do calzado en Santiago
A historia do calzado en Galicia non pode entenderse sen atender á actividade dos artesáns. Un dos casos máis significativos documentados para o século XIX é o do zapateiro compostelán José Devesa Domínguez, cuxo taller estaba situado no número 34 da rúa do Vilar.
Aínda que a información conservada sobre a súa produción é limitada, as fontes indican que o seu traballo alcanzou unha notable proxección internacional. Devesa participou en diversas exposicións nacionais e tamén na Exposición Universal de París de 1867, onde obtivo unha mención honorífica.
Segundo explica Rey, o artesán tamén chegou a actuar como proveedor pontificio, fabricando calzado para o Vaticano, algo que el mesmo destacaba na súa publicidade. Estes recoñecementos suxiren que o seu taller elaboraba pezas de alta calidade destinadas a clientelas acomodadas.
A localización do establecemento, nunha das rúas máis céntricas da cidade histórica compostelá, reforza esa idea dun negocio orientado ás clases burguesas e á pequena nobreza urbana.
A moda ante a chegada do século XX
O cambio de século introduciu novas transformacións no sistema da moda. Ata aproximadamente 1914 mantívose a estética propia da Belle Époque, caracterizada por siluetas elegantes e unha certa continuidade cos estilos do final do XIX.
Porén, a Primeira Guerra Mundial marcou unha ruptura decisiva. O conflito afectou aos principais centros produtores de moda, especialmente París e Londres, e provocou escaseza de tecidos e paralización parcial da industria. A consecuencia foi un regreso a formas máis utilitarias e prácticas na indumentaria.
No caso do calzado, a guerra reforzou unha tendencia cara á funcionalidade, aínda que certos elementos estéticos —como o tacón curvado de tradición Luís XV— continuaron presentes durante a década de 1920.
Posteriormente, a moda experimentaría unha transformación radical coa chegada dos chamados “anos tolos” e das flappers, cando os vestidos se acurtaron de forma significativa e os pés pasaron a ser moito máis visibles.
Un campo de investigación aínda aberto
A pesar do interese histórico do calzado, a investigación sobre este ámbito continúa sendo limitada, especialmente no caso de Galicia. A maior parte da bibliografía especializada procede do ámbito anglosaxón, mentres que en España apenas existen estudos académicos profundos sobre a evolución histórica do zapato.
A análise de pezas concretas, como os botíns composteláns estudados por Rey Cabezudo, demostra o potencial destas fontes para reconstruír aspectos sociais, culturais e económicos dunha época.
A través dun simple par de zapatos é posible coñecer o contexto urbano no que se utilizaban, a posición social das súas propietarias, os circuitos comerciais da moda e mesmo a actividade artesanal dunha cidade.
Como sinala a investigadora, cada peza de indumentaria é unha pequena cápsula histórica, capaz de revelar detalles da vida cotiá que ás veces pasan desapercibidos nas grandes narracións do pasado.

