Escavando foxas: A investigación que permitiu recuperar a historia dos sete asturianos fusilados en Celanova
A exhumación da foxa común situada no cemiterio de San Breixo de Celanova permitiu recuperar os restos de sete homes fusilados en setembro de 1939, todos eles naturais de Asturias e vítimas da represión franquista tras a Guerra Civil. A intervención, realizada en 2022 dentro do Plan Cuadrienal de Memoria Democrática de Galicia, reuniu a un equipo multidisciplinar formado por historiadores, arqueólogos, antropólogos forenses e especialistas en xenética.
O traballo permitiu localizar e exhumar os restos das vítimas, reconstruír o seu percorrido vital e identificar por ADN a varios deles, poñendo fin a décadas de procura por parte das familias. A investigación estivo coordinada polo Grupo Histagra da Universidade de Santiago de Compostela, que desenvolve dende hai anos un amplo programa de estudos sobre a represión franquista.
Segundo explica a historiadora Conchi López Sánchez, integrante do equipo investigador, o proceso combinou diferentes disciplinas científicas para reconstruír o sucedido: “Traballamos historiadores, arqueólogos, forenses e xenetistas. No meu caso encargueime da investigación histórica e da redacción dos informes que permitiron contextualizar o que aconteceu”.
A existencia da foxa de Celanova non era completamente descoñecida. A súa localización comezou a definirse a partir dun proxecto de investigación desenvolvido entre 2006 e 2011 polo grupo Histagra, no que se elaborou un censo inicial de vítimas da represión en Galicia.
Ese estudo utilizou como fonte principal os rexistros civís de defunción, nos que en ocasións aparece indicado o lugar de enterramento das persoas executadas. Ao cruzar esa información, os investigadores puideron comezar a debuxar un mapa das foxas existentes en Galicia.
“Filtrando os resultados dese proxecto polo lugar de enterramento puidemos empezar a identificar posibles fosas. Entre elas estaba a de Celanova”, explica López Sánchez.
A intervención concreta na vila ourensá chegou despois dunha petición do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, que contactou cos investigadores ao localizar familiares dalgunhas das vítimas.
“Intentamos dar prioridade ás solicitudes nas que existen familiares directos vivos”, sinala a historiadora. A presenza dunha filla dunha das vítimas e dunha neta doutra foi determinante para decidir abordar a exhumación no ano 2022.
A historia das vítimas: da fuga de Xixón á prisión de Celanova
As sete persoas enterradas na foxa compartían unha historia similar. Todos eran soldados ou milicianos republicanos procedentes de Asturias que tentaron escapar tras a caída da zona norte en mans das tropas sublevadas.
En outubro de 1937, cando Xixón cae baixo control franquista, moitas persoas intentaron abandonar o territorio republicano por mar. Segundo a investigación histórica, estes sete homes embarcaron en diferentes momentos na procura de fuxir cara ao exilio ou cara a zonas aínda controladas pola República.
Porén, foron interceptados no mar por buques da armada sublevada e trasladados a Galicia. “Tras seren capturados, foron levados primeiro a Ribadeo e posteriormente ao campo de concentración de Camposancos”, explica López Sánchez.
Alí foron xulgados por un tribunal militar permanente coñecido pola severidade das súas sentenzas. Todos foron condenados por “adhesión á rebelión”, unha acusación habitual na represión franquista que invertía o sentido da legalidade ao considerar rebeldes aos defensores da República.
Tras os consellos de guerra, os sete foron trasladados á prisión central de Celanova, instalada no antigo mosteiro da vila. Permaneceron alí varios meses ata que se ordenou a execución das penas de morte.
A execución produciuse o 22 de setembro de 1939, cando xa rematara oficialmente a Guerra Civil. A orde foi emitida pola comandancia militar de Ourense e executada por un pelotón da Bandera de Falange de Marruecos.
A documentación militar conservada describe con precisión o procedemento: quen ordenou a execución, quen formaba o pelotón e incluso o lugar exacto onde debían ser enterrados os corpos. Esa abundancia documental foi clave para a investigación.
“Estas persoas foron executadas como cumprimento dunha pena de morte. Iso deixa unha gran pegada documental sobre como se produciu o asasinato: día, hora, responsables e mesmo a localización exacta da fosa”, explica López Sánchez.
Ese nivel de detalle é pouco habitual, xa que noutras vítimas da represión —especialmente nos chamados “paseos”— os asasinatos realizábanse de forma clandestina e sen rexistro oficial.
Unha vez completado o estudo histórico e obtidos os permisos administrativos necesarios, o equipo iniciou a intervención arqueolóxica no cemiterio de San Breixo.
Os traballos comezaron delimitando a zona indicada na documentación histórica. A escavación seguiu un protocolo arqueolóxico estándar, que consiste en retirar progresivamente as capas de terra ata localizar posibles alteracións do terreo.
Nun primeiro momento apareceron algúns enterramentos illados, que non coincidían co perfil das vítimas buscadas, aínda que finalmente, os arqueólogos localizaron unha zanja funeraria, na que apareceron os restos de sete individuos. “Estaban algúns apilados uns sobre outros e presentaban indicios de morte violenta”, relata López Sánchez.
As primeiras observacións forenses indicaron que o sexo, a idade aproximada e as lesións coincidían coas descricións históricas, confirmando que se trataba da foxa buscada.
Tras a exhumación, os restos foron analizados por especialistas do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA) e do Laboratorio de Xenética Forense da USC, que realizaron estudos antropolóxicos e análises de ADN. Grazas ás mostras achegadas polas familias, foi posible identificar inicialmente a Marcelino Fernández García e Abelardo Suárez do Busto. Posteriormente, outro estudo xenético confirmou a identidade dun terceiro individuo: Baldomero Vigil-Escalera Vallejo, un mozo de 19 anos natural de Xixón que fora capturado no mar cando tentaba fuxir no buque Gaviota. A identificación foi posible grazas á mostra de ADN proporcionada pola súa sobriña, Pilar Vigil-Escalera.
En xuño de 2023 tivo lugar en Celanova un acto de entrega dos restos ás familias identificadas. A cerimonia tivo un forte compoñente emocional. Segundo lembra López Sánchez, as familias son o motor deste tipo de actuacións: “Son quen lle dan entidade física a todo isto. Sen elas todo quedaría nun plano moito máis abstracto”.
Un dos momentos máis impactantes produciuse cando unha filla dunha das vítimas relatou a última vez que vira ao seu pai. Segundo contou, sendo unha nena pequena visitou o mosteiro de Celanova e recorda camiñar cara el entre os presos. “Escoitar eses testemuños e poder aliviar, aínda que sexa un pouco, todo ese sufrimento é moi emocionante”, afirma a historiadora.
Para os investigadores, o éxito destas intervencións non debe medirse unicamente pola identificación xenética dos restos. “Pasaron moitos anos e moitas veces as análises xenéticas non son posibles”, explica López Sánchez. A degradación dos restos ou a falta de familiares directos poden impedir o cotexo.
Por iso, considera que tamén debe valorarse o feito de investigar o sucedido, recoñecer ás vítimas e devolverlles un lugar na historia. “O importante é que existan políticas públicas que permitan investigar, coñecer o pasado e incluír ás familias e á sociedade neste proceso de memoria”, sinala.
Un paso máis na recuperación da memoria democrática
A exhumación da foxa de Celanova forma parte dun programa máis amplo de investigación sobre a represión franquista en Galicia, no que colaboran historiadores, arqueólogos, forenses e xenetistas.
O obxectivo non é só recuperar restos humanos, senón tamén reconstruír as historias das vítimas e integrar ese coñecemento na memoria colectiva.
“Moitas familias viviron durante décadas coa idea de que os seus parentes fixeran algo malo”, lembra López Sánchez. “Pero non fixeron nada. O que sucedeu foi que os asasinaron”.
A recuperación da foxa de Celanova devolve, así, nomes, historias e dignidade a sete homes que durante máis de oitenta anos permaneceron enterrados no esquecemento.

