fbpx
Hugo Javier Freitas / Cedida

Hugo Javier Freitas, historiador: “Intento rescatar do relato da emigración a cuestión humana que moitas veces non aparece nos libros académicos”

Tempo de lectura: 4 min.

O historiador e profesor de Bos Aires (Arxentina), Hugo Javier Freitas, descendente de emigrantes galegos, vén de concluír Raíces en las aguas, un traballo que nace dunha investigación persoal e que medra ata converterse nun estudo histórico sobre as migracións entre Galicia e o Río da Prata a finais do século XIX e comezos do XX. A obra combina documentación de arquivo, fontes primarias e memoria familiar, cunha intención clara: explicar o fenómeno migratorio dende unha perspectiva rigorosa pero tamén accesible, poñendo o foco no desarraigo e nas pegadas humanas que deixaron aqueles procesos.

Portada da versión galega de ‘Raíces nas augas’ / Cedida

Como xorde Raíces en las aguas e que o levou a investigar as migracións entre Galicia e o Río da Prata?

Comeza como unha investigación persoal. Teño 51 anos e hai pouco tempo faleceron os meus pais; iso fixo que algo se activase en min cuestións que tiña durmidas. Empecei a indagar nas orixes dos meus devanceiros, tanto polo lado materno como polo paterno, buscando partidas de nacemento, de defunción e outra documentación básica. Nun principio era algo para min, pero pouco a pouco foi medrando. Decateime de que podía inserir esa información familiar nun contexto histórico máis amplo. Aí apareceu o historiador, e o que comezara como un borrador acabou tomando forma de libro.

A súa familia ten raíces galegas, pero tamén croatas. Como inflúe esa dobre ascendencia na obra?

O libro marca esas dúas liñas: unha de orixe galega e outra croata. A Arxentina foi un país de forte inmigración europea, e eu utilizo estes dous casos familiares para establecer un contrapunto. Analizo o contexto no que cada un abandona o seu lugar de orixe, a situación económica, política e social, e tamén me deteño nas persoas que quedaban atrás: nais, pais, familias. Emprego mesmo a metáfora do “membro fantasma”, ese concepto médico que describe como alguén pode sentir unha parte do corpo que xa non está. A emigración produce algo parecido: hai unha ruptura co lugar de orixe, pero ese lugar segue presente.

No caso galego, houbo retorno?

Non. O meu devanceiro galego nunca volveu a Galicia; morreu na Arxentina. Dalgunha maneira, este libro é tamén un retorno simbólico desde o meu lado. É unha forma de volver e tentar recuperar esas orixes.

Que dificultades atopou á hora de reconstruír estas traxectorias?

Non é doado acceder á documentación. Algunhas cousas xa as tiña, pero outras tiven que xestionalas con organismos do Estado español, e iso leva tempo. Tamén contei coa colaboración de familiares en Abadín, que é o lugar de orixe do meu devanceiro Jesús Alonso. Ademais da documentación familiar, traballei con bibliografía especializada e con institucións que me puidesen achegar máis información. Foi un traballo longo e rigoroso, aínda que no libro intento que a lectura sexa accesible.

Como se combinan na obra a documentación histórica e a memoria oral?

O que queda en moitas familias son lembranzas fragmentarias, silencios, anécdotas transmitidas de xeración en xeración. A miña intención foi ordenar eses fragmentos, darlles coherencia e situalos nun contexto histórico determinado. Esa xente non marchou porque si, senón por razóns concretas, vinculadas a unha situación económica e social determinada. A documentación dá base, pero a memoria aporta a dimensión humana.

Considera que a memoria migratoria se está a conservar hoxe na Arxentina?

Conservar, consérvase, pero de maneira fragmentaria. Moitos descendentes saben que teñen raíces galegas ou doutros lugares de Europa, pero non sempre coñecen o proceso completo. O libro non ofrece unha verdade revelada, pero si unha aproximación que permite comprender mellor por que marcharon tantos e que pegadas deixou esa decisión.

Pódense establecer paralelismos coas migracións actuais?

Moitos. Máis alá das diferenzas de contexto, hai un denominador común: o desarraigo, a separación das familias, o medo e a esperanza. Os libros académicos adoitan centrarse en cifras e estatísticas, pero “o que intento rescatar é a cuestión humana que moitas veces non aparece nos libros académicos”. Esa dimensión conecta facilmente coas migracións actuais.

Que recepción está a ter o libro e que vínculos lle está abrindo con Galicia?

Está en proceso de avaliación en varias editoriais de España e Arxentina, e xa ten data de publicación nunha editorial alemá. Establecín contacto con institucións galegas como o IGADI e coa Xunta en Bos Aires. Desde o Concello de Viveiro, por exemplo, ofrecéronme espazo para presentar o libro cando estea publicado. Ademais, xa teño versión en galego grazas á colaboración da miña familia en Galicia.

Na Biblioteca Dixital de Galicia puiden ler xornais de comezos do século XX que falaban de que Galicia “se estaba desangrando” pola cantidade de xente que marchaba. Publicaban estatísticas mensuais e mesmo consellos para quen chegaba a Bos Aires. Percíbese unha gran angustia colectiva pola perda de mocidade.

Que lle gustaría que pensase un lector galego ao ler o libro?

Gustaríame que comprendese mellor o proceso. Moitos galegos saben que tiveron familiares en América, pero quizais non coñecen todo o entramado humano que implicou esa decisión. Na Arxentina era habitual que inmigrantes de distintas orixes se axudasen entre eles. No casamento do meu bisavó galego, por exemplo, os testemuños eran italianos. Bos Aires estaba chea de acentos europeos. Esa convivencia forma parte da nosa historia compartida.

Pode que che interese...