fbpx
Casco de ouro de Leiro / Commons

O casco de ouro de Leiro cumpre 50 anos: da casualidade dun veciño a símbolo da arqueoloxía galega

Tempo de lectura: 2 min.

O vindeiro 7 de abril cúmprense 50 anos do achado do casco de ouro de Leiro, unha das pezas máis singulares da Idade do Bronce en Galicia, descuberta en 1976 na parroquia de Rianxo. A efeméride foi lembrada nun acto celebrado no propio lugar do descubrimento, coa presenza de autoridades, especialistas e veciñanza.

A peza, duns 270 gramos de ouro, apareceu de maneira fortuíta cando José María Vicente realizaba traballos para construír un pequeno galpón nas proximidades do río Ulla. Segundo relatou o propio protagonista, o obxecto chamou a súa atención polo seu estado: “aquelo que saíu á luz coa picaraña estaba limpiño. E dixen: aquí hai algo único”.

O casco atopábase enterrado xunto a fragmentos dunha vasilla de barro, o que indica que fora depositado de maneira intencionada. Aínda que durante anos foi identificado popularmente como un casco, as investigacións posteriores apuntan a que se trata dun obxecto simbólico de carácter ritual, e non dunha peza de uso militar.

Nun primeiro momento, o achado non provocou unha reacción inmediata. José María continuou co seu traballo ata que un veciño lle advertiu: “Eso é ouro”. A partir dese momento, a noticia espallouse rapidamente pola aldea.

As primeiras reaccións no entorno máis próximo estiveron marcadas pola sorpresa e a incredulidade. “Tira con esa lata vella! Non leves máis escombro para a casa!”, lembrou que lle dixo a súa irmá ao velo chegar coa peza.

Co paso das horas, a importancia do descubrimento foi asumida pola comunidade. Mesmo houbo propostas informais e en ton de broma, como a do propio José María: “Cámbioche esta lata por un porco”.

Tamén recibiu advertencias sobre a necesidade de protexer o obxecto. O cura da parroquia recomendoulle que o gardase nun lugar seguro: “É mellor que lle busques un sitio seguro, porque esto vancho raspar”.

O casco permaneceu varios días na casa do descubridor antes de ser trasladado ao cuartel da Garda Civil. Alí permaneceu baixo vixilancia constante durante máis de dúas semanas, ata que se decidiu o seu depósito no Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón, na Coruña.

No momento da entrega, realizouse unha primeira valoración económica da peza. “Algo hanme de dar. Malo sea que non dea para facer a caseta”, lembraba José María. Finalmente, tras unha revisión da tasación, recibiu unha compensación de acordo coa lexislación vixente.

Un dos aspectos máis destacados na lembranza deste aniversario foi a decisión de non vender nin desprenderse da peza, o que permitiu a súa conservación como patrimonio público. Veciños e asistentes ao acto subliñaron este feito como determinante para que o casco se manteña hoxe como unha referencia da arqueoloxía galega.

Durante o acto conmemorativo, tamén se procedeu á colocación dunha cápsula do tempo no lugar do achado, respectando as limitacións de protección patrimonial existentes na zona. Ademais, o exterior do antigo galpón foi intervindo cunha proposta artística.

Pode que che interese...