O Congreso de Arqueoloxía do Deza regresa a Lalín cun debate sobre patrimonio e desenvolvemento local como eixo central
O Concello de Lalín acolleu onte a presentación oficial da edición 2026 do Congreso de Arqueoloxía do Deza (CAD), que se celebrará os días 21 e 22 de marzo no Edificio Sociocultural da rúa Manuel Rivero. No acto participaron integrantes da organización e representantes municipais, que destacaron a continuidade dun encontro que afronta a súa segunda edición.
Desde hoxe permanece aberto o prazo de inscrición, que debe formalizarse a través dun formulario habilitado pola organización. As prazas son limitadas e cubriranse por orde de rexistro, cun aforo estimado entre as 80 e as 100 persoas.
A edición de 2026 incorpora como principal novidade a creación dunha mesa de debate centrada na relación entre patrimonio e desenvolvemento local, así como un espazo específico para a presentación de traballos realizados por novos investigadores.
O coordinador do congreso, Víctor Manuel García, sinalou durante a presentación que a cita introduce “a creación dunha mesa de debate centrada na relación entre patrimonio e desenvolvemento local e o reforzo do compromiso co futuro da disciplina mediante a inclusión dun espazo específico para a presentación dos traballos desenvolvidos por novos investigadores”.
A arqueóloga Vanesa Trevín, que presentará esa mesa, explicou que o obxectivo é analizar “para que serve hoxe en día a arqueoloxía” e conectar o exercicio profesional coa sociedade. O debate estará moderado polo xornalista Manuel Gago e contará coa participación de Lois Armada, director do Incipit; Xurxo Ayán; Silvia Cernadas, historiadora e concelleira en Soutomaior; Maite Vence, responsable dunha empresa de turismo científico; e Begoña Blanco, concelleira de Turismo e Cultura de Lalín.
Pola súa banda, Begoña Blanco lembrou que a primeira edición superou as previsións de asistencia e destacou que “o ano pasado se conseguiu implicar á veciñanza e superamos as expectativas”. Tamén explicou que nesta ocasión se decidiu non repetir os obradoiros dirixidos a centros escolares, ao considerar que “non ten sentido facelo todos os anos”, aínda que non se descarta recuperalos en futuras convocatorias.
A primeira xornada, o 21 de marzo, abrirase cun relatorio de Xoán Carlos García Porral sobre a divulgación do patrimonio a través de proxectos educativos, tomando como referencia experiencias desenvolvidas no IES Pintor Colmeiro de Silleda. A continuación, María Silva Gago abordará novas metodoloxías para analizar o comportamento pasado desde a arqueoloxía cognitiva.
Tras a mesa de debate da mañá, Santiago Vázquez presentará unha intervención dedicada á Fundación Luis Monteagudo e á súa traxectoria no ámbito do patrimonio cultural galego.
Pola tarde activarase o espazo reservado a investigadores emerxentes. Posteriormente, o propio Víctor Manuel García ofrecerá unha sesión centrada nas tecnoloxías e modos de vida na Prehistoria desde a arqueoloxía experimental. A xornada pecharase cunha intervención arredor da arqueoloxía pública en Galicia.
Mámoas, mundo romano e mundo castrexo na segunda xornada
O domingo 22, o programa continuará con comunicacións centradas en distintos xacementos da comarca e do seu contorno. Israel Picón analizará as mámoas de Platas de Refoxos (Silleda), mentres que Helena Taboada presentará un balance das intervencións en Outeiro Grande, en Bermés (Lalín).
O mundo romano estará representado pola achega de Erik Carlsson-Brandt, que ofrecerá unha aproximación á vila de Porta de Arcos (Rodeiro) no contexto do poboamento rural romano en Galicia. Pola súa banda, Marta Martínez e Vanesa Trevín exporán os resultados das investigacións no castro de Cumeiro, en Vila de Cruces.
A edición concluirá cunha visita ao xacemento da capela medieval de San Adrao, en Bermés, onde durante as escavacións se localizaron dúas moedas —un cruzado de vellón e un ceitil portugués— que ilustran o cartel desta convocatoria.
Entre as novidades tamén figura a presentación das actas do Congreso de 2025, que serán entregadas ás persoas participantes. A tenente de alcalde, Paz Pérez, subliñou durante o acto a importancia de consolidar este tipo de iniciativas para reforzar o coñecemento e a conservación do patrimonio da comarca.
Coa súa segunda edición, o Congreso de Arqueoloxía do Deza amplía o seu programa e introduce novos espazos de debate e participación, mantendo o obxectivo de combinar investigación científica, divulgación e análise social do patrimonio.

